Duración dos estudos e permanencia

O cómputo do tempo de permanencia nos estudos de doutoramento contarase desde a primeira matrícula no doutoramento ata a presentación da solicitude de depósito da tese.

Permanencia máxima nos estudos de doutoramento

No caso de matrícula a tempo completo, a duración máxima dos estudos será de 3 anos. No caso de matrícula a tempo parcial será de 5 anos. Cando o/a doutorando/a utilice ambas as dúas modalidades de matrícula, computarase para todos os efectos a duración dos estudos de doutoramento en termos de estudos a tempo completo, e considerarase que un ano de matrícula a tempo parcial equivale a 0,6 anos de matrícula a tempo completo. O cambio de modalidade de matrícula poderá solicitarse nos períodos de matrícula ordinarios, condicionada ao informe favorable da CAPD, e extraordinariamente noutros períodos por modificacións das circunstancias laborais, familiares ou persoais do doutorando/a.

Permanencia mínima nos estudos de doutoramento

A duración mínima dos estudos de doutoramento será, a tempo completo e a tempo parcial, de 24 meses, que se contarán desde a admisión do doutorando/a ata a presentación da solicitude do depósito da Tese Doutoral.

Prórrogas

Se a solicitude do depósito da Tese Doutoral non se presenta despois de transcorrer o prazo establecido, a CAPD podería autorizar a súa prórroga, despois da solicitude do doutorando/a. A prórroga sería dun ano nos estudos de doutoramento a tempo completo e de dous anos nos estudos de doutoramento a tempo parcial. De forma excepcional, poderíase ampliar este prazo en ambos os casos noutro ano adicional, para o que deberá acreditarse a viabilidade de acabar a Tese Doutoral neste prazo. A autorización das citadas prórrogas farase de forma motivada e de acordo coa normativa da universidade.

Baixa temporal

A CAPD poderá autorizar, por solicitude motivada do interesado/a, a baixa temporal no programa de doutoramento. O período máximo de baixa temporal será dun ano, ampliable ata outro máis. Os períodos de baixas por enfermidade, embarazo ou calquera outra causa prevista na normativa laboral vixente non computarán para os efectos de tempo máximo de permanencia nin para o cómputo das baixas temporais. As actividades desenvolvidas por este/a durante a baixa temporal non poderán incluírse no documento de actividades e os períodos de baixa temporal no programa non computarán no prazo de desenvolvemento da tese.

Para máis información consultar a normativa da EIDO na seguinte ligazón:

https://www.uvigo.gal/estudar/organizacion-academica/eido-escola-internacional-doutoramento/tramites-xestions