Trámites

PRINCIPAIS TRÁMITES RECOLLIDOS NO REGULAMENTO DE ESTUDOS DE DOUTORAMENTO DA UNIVERSIDADE DE VIGO:

https://secretaria.uvigo.gal/uv/web/normativa/public/show/368

Artigo 32. COMPROMISO DE SUPERVISIÓN

As funcións de supervisión, tutela e seguimento dos/as estudantes reflectiranse nun compromiso de supervisión. O devandito compromiso será asinado por unha representación específica designada pola universidade, o titor/a e o doutorando/a, nun prazo máximo dun mes que contará desde a data de matrícula, e incorporarase a sinatura do director/a no momento da súa designación. Este compromiso de supervisión incorporarase ao documento de actividades do doutorando/a no momento da súa sinatura por todas as persoas implicadas.

No compromiso de supervisión especificarase a relación académica entre o doutorando/a e a universidade, os seus dereitos e deberes, que incluirán os posibles dereitos de propiedade intelectual e/ou industrial derivados da investigación, así como a aceptación do procedemento de resolución de conflitos e a súa duración. Incluiranse tamén os deberes da(s) persoa(s) que tutelen e dirixan a tese.

Artigo 31. PLAN DE INVESTIGACIÓN

Antes de seis meses, que se contarán desde a data da matrícula, o doutorando/a elaborará un plan de investigación que incluirá a metodoloxía empregada e os obxectivos que se han de alcanzar, así como os medios e a planificación temporal para acadalo. O plan presentarase e avalarase co informe do director/a e do titor/a, ademais de aprobalo a CAPD. Este plan poderase mellorar e detallar no proceso de avaliación anual contando co aval do titor/a e do director/a.

Anualmente a CAPD supervisará o plan de investigación e o documento de actividades, e disporá para realizar a supervisión dos informes que para tal efecto emitirán o titor/a e o director/a. A avaliación positiva será requisito indispensable para continuar no programa. No caso de avaliación negativa, que será debidamente motivada, o/a estudante de doutoramento será de novo avaliado no prazo de seis meses, para o que elaborará un novo plan de investigación. No suposto de producirse unha nova avaliación negativa, causará baixa definitiva no programa.

O incumprimento do prazo de presentación do plan de investigación leva consigo o arquivo da matrícula. O citado arquivo de matrícula transformarase nunha baixa definitiva se non se presenta o plan de investigación finalizado o curso no que tería que presentarse.

Artigo 30. DOCUMENTO DE ACTIVIDADES DO DOUTORANDO/A

Unha vez matriculado cada doutorando/a no programa, materializarase o documento de actividades personalizado para os efectos do rexistro individualizado. Nel inscribiranse todas as actividades de interese para o desenvolvemento do doutorando/a segundo o que estableza a escola de doutoramento e será supervisado anualmente pola CAPD.

O devandito documento deberá axustarse ao formato establecido, rexistrarse na aplicación informática e quedar constancia documental que acredite a realización das actividades realizadas polo doutorando/a.

O/A estudante de doutoramento terá acceso ao documento de actividades de doutorando/a para anotar e actualizar as actividades que realice no contexto do programa. Os seus rexistros serán validados polo órgano académico correspondente tras a valoración do titor/a e o director/a, logo da comprobación por parte da administración da autenticidade/veracidade dos méritos alegados, de ser o caso.

Ao documento de actividades de doutoramento terán acceso, para as funcións que correspondan en cada caso, o doutorando/a, o seu titor/a, o seu director/a de tese, así como as persoas que participen na avaliación e na xestión do expediente.