
Historia
A Escola de Enxeñería Industrial da Universidade de Vigo volveu celebrar o 17 de abril de 2026 unha nova edición, a 9ª, da súa competición de robots, o ‘RobotFriday’ da EEI. Esta edición volveu ser un punto de encontro de preto de 500 estudantes de ESO, BACHARELATO, FP, Universitarios,… de toda a comunidade que, xunto ao profesorado dos centros educativos, nos abraiaron co seu talento e con momentos apaixonantes cheos de moita emoción.
Grazas ao entusiasmo de todas as persoas dos centros, que traballaron e involucráronse en espertar nos mozos e mozas o interese pola tecnoloxía e a robótica, foi posible que, o que empezou sendo no ano 2014 unha ‘aventura’, sexa hoxe unha competición de referencia na nosa comunidade.
Dunha forma simple, práctica e divertida, os equipos concursantes poden familiarizarse co mundo da robótica participando na montaxe e programación dun robot móbil partindo do kit básico establecido pola organización.
Que é o Robot Friday?
Tras unha década compartindo ilusións con estudantes da ESO, Bacharelato, FP,.. de toda a Comunidade, a Competición de Robots é xa un referente dentro da robótica. Dende a celebración da primeira edición, o venres 24 de abril de 2015, cada ano, sempre coincidindo nun venres, a Escola de enxeñería Industrial organiza unha nova edición da Competición de Robots. Por esta razón, con motivo do fito da conmemoración do X Aniversario no 2025, quixemos ‘institucionalizar’ este encontro baixo a denominación do ‘Robot Friday’.
Nas 9 edicións que a Competición de Robots celebrou nesta década, tivemos o privilexio de gozar de moitos e grandes momentos con cerca de 1000 equipos e 5.500 estudantes de centros de todas as provincias da nosa comunidade.
Edicións da Competición de Robots:
- 24 de abril de 2015.
- 29 de abril de 2016.
- 28 de abril de 2017.
- 4 de maio de 2018.
- 26 de abril de 2019.
- 21 de abril de 2023.
- 19 de abril de 2024.
- 25 de abril de 2025.
- 17 de abril de 2026.
- A pola 10ª!
A experiencia acadada nas edicións anteriores e o recoñecemento indicado polas profesoras e profesores dos distintos centros educativos, anímannos a seguir convocando novas edicións, dado que en moitos casos esta competición está incluída na programación docente de moitos centros educativos da comunidade galega.
Non o podes perder! Show must go on!
Obxectivo
É un concurso que ten como obxectivo fundamental achegar a Universidade ao alumnado de Ensino Secundario e Bacharelato e fomentar o interese do alumnado polas disciplinas STEAM.
Trátase dunha competición na que o alumnado participante ten a posibilidade de aplicar os coñecementos adquiridos en materias STEAM no ámbito da robótica a través de divertidas probas nas que deben superar determinados retos, pero, sobre todo, é unha maneira para perderlle o medo aos desafíos que a tecnoloxía nos depara e prepararse de cara ao futuro.
Outro aspecto de interese desta competición é traballar de maneira integrada os conceptos de ciencias e tecnoloxías a través dunha aprendizaxe divertida e ‘colaborativa’, incitando aos estudantes para desenvolver a curiosidade pola enxeñería, en particular pola robótica. Preténdese potenciar a auto aprendizaxe no deseño, construción e programación de robots autónomos, á vez que a estimulación, atracción e desenvolvemento do talento ‘habilitador’ ante os novos retos da industria do futuro.
Este evento tamén é unha oportunidade para tratar de impulsar a interconexión entre estudantes de toda a comunidade e potenciar o desenvolvemento das competencias transversais e as “soft skills”, como o traballo en equipo, dado que a participación no concurso debe facerse en grupos de entre 3 e 6 participantes.
Unha oportunidade para aprender e gozar!
Para calquera consulta ou cuestión sobre o concurso, podes poñerte en contacto con nós a través do correo eei.robots@uvigo.es e resolveremos todas as túas dúbidas.




