Robot competition

Historia

A Escola de Enxeñería Industrial da Universidade de Vigo volveu celebrar o 17 de abril de 2026 unha nova edición, a 9ª, da súa competición de robots, o ‘RobotFriday’ da EEI. Esta edición volveu ser un punto de encontro de preto de 500 estudantes de ESO, BACHARELATO, FP, Universitarios,… de toda a comunidade que, xunto ao profesorado dos centros educativos, nos abraiaron co seu talento e con momentos apaixonantes cheos de moita emoción.

Grazas ao entusiasmo de todas as persoas dos centros, que traballaron e involucráronse en espertar nos mozos e mozas o interese pola tecnoloxía e a robótica, foi posible que, o que empezou sendo no ano 2014 unha ‘aventura’, sexa hoxe unha competición de referencia na nosa comunidade.

Dunha forma simple, práctica e divertida, os equipos concursantes poden familiarizarse co mundo da robótica participando na montaxe e programación dun robot móbil partindo do kit básico establecido pola organización.

Que é o Robot Friday?

Tras unha década compartindo ilusións con estudantes da ESO, Bacharelato, FP,.. de toda a Comunidade, a Competición de Robots é xa un referente dentro da robótica. Dende a celebración da primeira edición, o venres 24 de abril de 2015, cada ano, sempre coincidindo nun venres, a Escola de enxeñería Industrial organiza unha nova edición da Competición de Robots. Por esta razón, con motivo do fito da conmemoración do X Aniversario no 2025, quixemos ‘institucionalizar’ este encontro baixo a denominación do ‘Robot Friday’.

Nas 9 edicións que a Competición de Robots celebrou nesta década, tivemos o privilexio de gozar de moitos e grandes momentos con cerca de 1000 equipos e 5.500 estudantes de centros de todas as provincias da nosa comunidade.

Edicións da Competición de Robots:

  • 24 de abril de 2015.
  • 29 de abril de 2016.
  • 28 de abril de 2017.
  • 4 de maio de 2018.
  • 26 de abril de 2019.
  • 21 de abril de 2023.
  • 19 de abril de 2024.
  • 25 de abril de 2025.
  • 17 de abril de 2026.

A experiencia acadada nas edicións anteriores e o recoñecemento indicado polas profesoras e profesores dos distintos centros educativos, anímannos a seguir convocando novas edicións, dado que en moitos casos esta competición está incluída na programación docente de moitos centros educativos da comunidade galega.

Non o podes perder! Show must go on!

Obxectivo

É un concurso que ten como obxectivo fundamental achegar a Universidade ao alumnado de Ensino Secundario e Bacharelato e fomentar o interese do alumnado polas disciplinas STEAM.

Trátase dunha competición na que o alumnado participante ten a posibilidade de aplicar os coñecementos adquiridos en materias STEAM no ámbito da robótica a través de divertidas probas nas que deben superar determinados retos, pero, sobre todo, é unha maneira para perderlle o medo aos desafíos que a tecnoloxía nos depara e prepararse de cara ao futuro.

Outro aspecto de interese desta competición é traballar de maneira integrada os conceptos de ciencias e tecnoloxías a través dunha aprendizaxe divertida e ‘colaborativa’, incitando aos estudantes para desenvolver a curiosidade pola enxeñería, en particular pola robótica. Preténdese potenciar a auto aprendizaxe no deseño, construción e programación de robots autónomos, á vez que a estimulación, atracción e desenvolvemento do talento ‘habilitador’ ante os novos retos da industria do futuro.

Este evento tamén é unha oportunidade para tratar de impulsar a interconexión entre estudantes de toda a comunidade e potenciar o desenvolvemento das competencias transversais e as “soft skills”, como o traballo en equipo, dado que a participación no concurso debe facerse en grupos de entre 3 e 6 participantes.

Unha oportunidade para aprender e gozar!

Reto COMPY Robot

En recoñecemento ao labor realizado polos centros no fomento das disciplinas STEAM, dentro do marco da celebración do X Aniversario da Competición de Robots, celebramos o primeiro reto COMPY ROBOT en colaboración coa empresa BINARIAL, dirixido ao profesorado dos Centros que participaron na 8ª edición.

Este primeiro reto foi superado polo seguintes centros educativos:

  • Colegio Ángel de la Guarda.
  • Colegio Montecastelo.
  • CPI Plurilingüe dos Dices.
  • IES de Allariz.
  • IES Johan Carballeira.
  • IES Mestre Landín.
  • IES Santa Irene.

Que é o Reto COMPY Robot?

O obxectivo fundamental deste reto é achegar a Universidade ao profesorado de Ensino Secundario e Bacharelato para que entre todas as persoas que nos dedicamos á formación e preparación dos/as mozas naqueles ámbitos máis relacionados coas tecnoloxías, fomentemos o interese do alumnado polas disciplinas STEAM. Así como incorporar á aprendizaxe o uso de plataformas e ferramentas tecnolóxicas que sexan innovadoras.

Dunha forma simple, práctica e entretida, o profesorado participante familiarízase co mundo da robótica industrial mediante a programación dun robot móbil proporcionado pola organización para completar o desenvolvemento do reto.

Durante o desenvolvemento do reto, os equipos participantes teñen que manexar unha plataforma educativa para a programación dun robot industrial móbil de pequenas dimensións,desenvolvido pola empresa BINARIAL.

Na seguinte ligazón pódese consultar máis información sobre as características do robot utilizado no primeiro reto desenvolvido no curso 2025/26: https://binarial.es/compy-plataforma-educativa-diferencial/

Unha experiencia educativa innovadora!

Para calquera consulta ou cuestión sobre o concurso, podes poñerte en contacto con nós a través do correo eei.robots@uvigo.es e resolveremos todas as túas dúbidas.