

NOTICIAS
AXENDA
10:00 horas - Sede campus. 16:00 horas - Sede cidade
A Escola de Enxeñaría Industrial dará a benvida ao alumnado de novo ingreso o 2 de setembro cunha xornada de acollida que se desenvolverá en horario de mañá na Sede Campus e en horario de tarde na Sede Cidade, co obxectivo de facilitar a incorporación á vida universitaria e dar a coñecer a Escola, os seus servizos e recursos.
🟦 Sede Campus
📅 2 de setembro · 🕙 10:00 h · 📍 Salón de Actos
Programa
- 10:00 – 10:10 h: Benvida.
- 10:10 – 11:45 h: Actividades de acollida.
- 11:45 – 11:55 h: Información sobre prevención de riscos.
- 11:55 – 12:00 h: Peche.
🟩 Sede Cidade
📅 2 de setembro · 🕓 16:00 h · 📍 Paraninfo
Programa
- 16:00 – 16:10 h: Benvida.
- 16:10 – 17:45 h: Actividades de acollida.
- 17:45 – 17:55 h: Información sobre prevención de riscos.
- 17:55 – 18:00 h: Peche.
Importante: para participar nestas xornadas é imprescindible realizar o rexistro previo a través do formulario de inscrición.
Podes consultar toda a información na nova publicada na web da EEI.
Documentos e enlaces
Organizado por CINTECX, converterá a EEI nun espazo de referencia para o intercambio de coñecemento, a innovación e a colaboración científica.
As instalacións da Escola de Enxeñaría Industrial (EEI) acollerán os próximos 21 e 22 de xullo o congreso internacional DCETIP 2026, organizado por CINTECX. Este encontro doutoral reunirá persoal investigador especializado en enerxía, tecnoloxías avanzadas e procesos industriais para compartir coñecemento, presentar os resultados das súas investigacións e fomentar novas colaboracións.
O congreso está dirixido a persoal investigador en etapas iniciais, doutorandas e doutorandos, persoas recentemente doutoradas e profesionais do ámbito industrial interesados en presentar os seus traballos ou debater novas liñas de investigación nun contorno de carácter internacional.
Concibido como un espazo para o intercambio de ideas e a creación de sinerxías, DCETIP 2026 ofrecerá un programa científico que abordará algúns dos principais retos e avances da investigación industrial. O encontro favorecerá o diálogo entre o mundo académico e o sector empresarial, impulsando a colaboración, a transferencia de coñecemento e o desenvolvemento de novas liñas de investigación.
Ademais, contará coa participación de destacadas figuras de referencia internacional, cuxas relatorios achegarán unha visión actualizada dos avances máis relevantes nestes ámbitos. A súa presenza reforza a dimensión internacional do congreso e o compromiso de CINTECX coa excelencia científica e a atracción de talento investigador.
O programa completo do congreso pode consultarse no sitio web oficial de DCETIP 2026.
Meses de traballo, innovación e perseveranza culminan na presentación do novo monopraza de UVigo Motorsport
O próximo venres 3 de xullo a partir das 15:00 horas, terá lugar no salón de actos da EEI – Sede Campus a presentación do novo vehículo desenvolvido por UVigo Motorsport, o equipo de Fórmula Student da Universidade de Vigo.
UVigo Motorsport é o único equipo de Fórmula Student de Galicia. Creado no ano 2014 por un grupo de estudantes da Escola de Enxeñería Industrial, está integramente formado por alumnado da Universidade de Vigo e ten como obxectivo deseñar, fabricar e poñer a proba un vehículo monopraza de competición para participar na Fórmula Student, a competición interuniversitaria de enxeñería do automóbil máis prestixiosa do mundo.
A presentación deste ano ten, ademais, un significado especial. Hai uns meses, un incendio no taller no que traballaba o equipo provocou importantes danos e obrigou a afrontar un importante contratempo no desenvolvemento do proxecto. Grazas ao esforzo, á dedicación e á capacidade de adaptación dos seus integrantes, así como ao apoio recibido por parte da Universidade de Vigo e do Cintecx, que lles facilitaron un novo espazo para continuar co seu traballo, UVigo Motorsport conseguiu superar esta dificultade e completar o deseño do novo vehículo, un logro que pon de manifesto tanto a resiliencia do equipo como o compromiso da comunidade universitaria co proxecto.
Durante o acto darase a coñecer este novo monopraza, co que os estudantes afrontarán unha nova tempada de competicións internacionais co obxectivo de seguir mellorando os resultados acadados en edicións anteriores.
Co novo vehículo, o equipo participará nas seguintes probas internacionais:
- Formula Student Austria, do 26 ao 30 de xullo no Red Bull Ring.
- Formula Student Spain, que se disputará no Circuit de Barcelona-Cataluña (Montmeló) entre o 1 e 7 de agosto.
Non perdas a oportunidade de coñecer de primeira man o novo monopraza de UVigo Motorsport e descubrir o traballo, o talento e a capacidade de superación do alumnado que fai posible este proxecto de enxeñería.




















