Renovación da acreditación

Tras un exhaustivo proceso de avaliación, o Consello de Universidades ditou resolución pola que se renova a acreditación do Programa de Doutoramento en Investigación en Tecnoloxías e Procesos Avanzados na Industria pola Universidade de Vigo.

De conformidade co disposto no artigo 10 do Real decreto 99/2011, do 28 de xaneiro, polo que se regulan os estudos oficiais de doutoramento, a Universidade de Vigo remitiu á “Secretaría Xeral de Universidades” da “Xunta de Galicia” a solicitude do proposta de renovación da acreditación do título “Programa de Doutoramento en Investigación en Tecnoloxías e Procesos Avanzados na Industria” co fin de que a ACSUG comprobe que o plan de estudos se está a realizar conforme á descrición e compromisos que figuraban no proxecto que, por este título, foi aprobado no proceso de comprobación.

A avaliación foi realizada por unha subcomisión derivada da Comisión de Avaliación da rama de coñecemento de Enxeñaría e Arquitectura formada por expertos nacionais e internacionais do ámbito académico, profesionais e estudantes. Os membros desta comisión foron seleccionados e nomeados segundo o procedemento que se recolle na páxina web da ACSUG.

Este informe é o resultado da avaliación do conxunto de probas documentais do título e da visita ao centro onde se imparte a titulación, que se realizou sen incidencias segundo o calendario previsto, e da revisión do Plan de mellora presentado polo centro unha vez recibido o informe provisional de avaliación para a renovación da acreditación. As actuacións incluídas no devandito Plan de Mellora serán obxecto de especial revisión durante o proceso de seguimento do título.

Este informe destaca os seguintes como os principais puntos fortes do programa:

  • Implicación e dedicación dos responsables do título, así como de todo o profesorado.
  • Estreita relación entre alumnado e profesorado, apoiada nunha proporción favorable profesor/alumno.
  • Teses de doutoramento avaladas por unha altísima produción de achegas científicas.
  • Os recursos materiais e bibliográficos son valorados positivamente por todas as partes interesadas.
  • Interesante nivel de internacionalización, destacando a presenza de membros internacionais nos tribunais.
  • O apoio administrativo foi ben valorado por todas as partes interesadas.
  • Recoñécese o esforzo realizado polo programa para manter o contacto cos titulados e recoller información sobre a súa inserción laboral.