O pasado xoves 3 de abril, o enxeñeiro industrial Jesús Doval, catedrático de Tecnoloxía Electrónica na Universidade de Vigo ingresou como académico numerario na Real Academia Galega de Ciencias, un recoñecemento ao seu inxente labor investigador dirixido a resolver problemas sociais relevantes vencellados á electrónica industrial e ás tecnoloxías de enerxía eléctrica, aplicando os seus resultados á mellora de sectores como o transporte ou a enerxía.
O acto tivo lugar no Pazo de San Roque, en Santiago de Compostela e o seu discurso, titulado Conversión de enerxía eléctrica e electrónica de potencia, estivo centrado na tecnoloxía coa que está relacionada toda a súa actividade dos últimos anos. A laudatio foi realizada polo catedrático emérito de Ciencia dos Materiais e Enxeñaría Metalúrxica da Universidade de Vigo, Pedro Merino.
Profesor da nosa Escola e investigador do Cintecx (Centro en Investigación en Tecnoloxías, Enerxía e Procesos Industriais), onde dirixe ao grupo APET (Tecnoloxía Electrónica de Potencia Aplicada), Jesús Doval desenvolve proxectos de investigación en colaboración con empresas nacionais e internacionais como Navantia, Repsol ou Indra. Nos últimos anos dirixiu uns 40 proxectos con compañías públicas ou privadas, cun financiamento total superior a 1,5 millóns de euros. Traballa en procesos como a creación de fábricas intelixentes e sustentables, deseño de plantas eléctricas, sistemas de defensa dos buques da Armada…
No ámbito internacional, é membro do Instituto de Enxeñeiros Eléctricos e Electrónicos, da Sociedade de Electrónica Industrial e da Sociedade de Electrónica de Potencia. Así mesmo, é editor de varias publicacións internacionais nestes campos. Como enxeñeiro, traballou en empresas de diferentes sectores industriais, en particular do petroquímico, xeración e transporte de electricidade, automoción e electrónica, tanto en España coma no Reino Unido.
Dende a Escola queremos darlle os nosos parabéns. Grazas pola túa contribución á ciencia e á tecnoloxía!




