Traballo Fin de Mestrado en Empresa

O presente documento ten por obxectivo establecer o procedemento de definición e asignación do Traballo Fin de Mestrado en Empresa (TFMe), así como definir as condicións nas que este debe realizarse, dentro do ámbito normativo establecido no Regulamento de Traballo Fin de Mestrado da Escola de Enxeñería Industrial (EEI) aprobado en Xunta de Escola de 21 de xullo de 2015.


1. Proposta e definición

O TFMe é unha actividade formativa que pretende que o alumno desenvolva un proxecto que foi proposto e definido por unha empresa e que responde a unha necesidade real desta. Este proxecto vai ser realizado nas instalacións da empresa no ámbito dunhas Prácticas Académicas Externas.

Dende a Subdirección de Relacións coas Empresas da EEI contactarase con empresas de diversos ámbitos industriais para que estas propoñan proxectos, mediante o formulario SOLICITUDE DE OFERTA DE TRABALLO FIN DE MESTRADO NA EMPRESA, incluído como Anexo deste documento. Neste formulario definiranse:

a) O perfil do alumno

b) O cargo e a titulación universitaria do titor na empresa

c) A descrición dos obxectivos e contido do proxecto

As ofertas de TFMe recibidas desde as empresas serán sometidas á consideración da Comisión Permanente da EEI que valorará a súa idoneidade e entidade académica como Traballo Final de Mestrado.

2. Asignación

A Comisión Permanente da EEI delegará na Subdirección de Relacións coas Empresas a asignación dos proxectos aprobados. Nesa asignación terase en conta o perfil do alumno definido pola empresa.

O centro proprá á empresa un ou varios candidatos, correspondendo á empresa a decisión final, podendo realizar entrevistas ou probas a os alumnos nas súas instalacións ou nas da EEI.

3. Desenvolvemento e tutela

O TFM realizarase nas instalacións da empresa no marco dunhas Prácticas Académicas Externas e de acordo co establecido, no que proceda, no Regulamento de Prácticas en Empresa da EEI. A duración da estancia de prácticas no alumno será a necesaria segundo a envergadura do proxecto.

A tutela do TFMe corresponderá á empresa e ao centro, segundo o disposto nos artigos 10 e 11 do  Regulamento de Traballo  Fin de Mestrado da EEI, podéndose esixir que o titor na empresa teña a titulación de Enxeñeiro Industrial.

O alumno deberá entregar ao titor do TFMe na EEI, cando teña transcorrida a metade da súa estancia de prácticas na empresa, un informe intermedio no que describa os avances realizados ata a data no desenvolvemento do proxecto. O titor do TFMe na EEI enviará unha copia do informe intermedio, coa súa aprobación, á Subdirección de Relacións coas Empresas nun prazo de 10 días.

4. Depósito, defensa e avaliación

A presentación, defensa, avaliación e tramitación administrativa do TFMe realizarase de acordo co establecido no Regulamento de Traballo Fin de Mestrado da EEI.