A Escola de Enxeñería Industrial da Universidade de Vigo abre o primeiro prazo de preinscrición para as súas titulacións de mestrado do curso 2026/27. Dende o 22 de xuño ata o 6 de xullo, as persoas interesadas poderán presentar a súa solicitude de acceso aos seguintes programas:
- Mestrado en Enxeñería Biomédica.
- Mestrado en Enxeñería Industrial.
- Mestrado en Fabricación Aditiva.
- Mestrado en Vehículos Autónomos.
As listaxes provisorias de persoas admitidas e excluídas publicaranse o 16 de xullo de acordo co calendario de preinscrición e matrícula.
Mestrados académicos
Mestrado en Enxeñería Biomédica
Este programa completa e afonda a formación adquirida no Grao en Enxeñería Biomédica, proporcionando coñecementos avanzados en tecnoloxías e produtos sanitarios. O seu obxectivo é formar profesionais capaces de responder aos desafíos actuais do ámbito da saúde e da tecnoloxía biomédica.
Mestrado en Enxeñería Industrial
Trátase dun mestrado habilitante que outorga as atribucións profesionais plenas de Enxeñeiro/a Industrial. Ofrece unha formación avanzada para exercer unha profesión de ampla tradición, elevada demanda e excelentes perspectivas de inserción laboral.
Mestrados Galicia 2030
Mestrado en Fabricación Aditiva
Título conxunto impartido pola Universidade da Coruña e a Universidade de Vigo. Esta titulación, incluída na Guía Galicia 2030 «Perfís Profesionais de Futuro e Novas Titulacións e Especialidades», responde ás necesidades emerxentes da industria e ofrece formación especializada en tecnoloxías de impresión 3D cun enfoque práctico e aplicado.
Mestrado en Vehículos Autónomos
Título conxunto impartido pola Universidade da Coruña, a Universidade de Santiago e a Universidade de Vigo. Este mestrado está orientado á formación avanzada en tecnoloxías clave para o desenvolvemento de sistemas de condución autónoma e vehículos intelixentes. Aborda ámbitos como a percepción, a intelixencia artificial, a robótica móbil e os sistemas de control, cun enfoque claramente tecnolóxico e interdisciplinar
A oferta de mestrados da EEI constitúe unha oportunidade para adquirir unha formación especializada e actualizada, aliñada cos retos tecnolóxicos e industriais do presente e do futuro.
Ademais, estas titulacións contan co respaldo de empresas, institucións e entidades da contorna socioeconómica, que recoñecen á EEI como un centro de referencia na xeración de coñecemento e innovación ao servizo dun desenvolvemento sostible da nosa sociedade.
Máis información e inscricións
Podes consultar todos os detalles sobre o acceso, plans de estudo e matrícula na sección oficial:
🔗 https://eei.uvigo.es/gl/estudos/mestrados/.




