A Universidade de Vigo, no marco da conmemoración do Día Internacional da Muller e da Nena na Ciencia, que se celebra cada 11 de febreiro en todo o mundo, dedicará o mes de febreiro a dar visibilidade ao traballo das súas investigadoras e científicas e a fomentar as vocacións entre as xeracións máis novas.
O obxectivo fundamental desta iniciativa é dar a coñecer a ciencia que se desenvolve no seo da UVigo e achegar referentes femininos á sociedade no ámbito da investigación, o desenvolvemento e a innovación.
Neste contexto, a Escola de Enxeñería Industrial súmase ás actividades programadas a través da súa participación no programa Elas Fan CienTec, unha iniciativa organizada pola Unidade de Cultura Científica e da Innovación da Uvigo, que se celebrará o mércores 11 de febreiro e na que participará un grupo de alumnas do IES Politécnico de Vigo.
O programa inclué, entre outras, as seguintes actividades destacadas:
Actividade 11F/Parte 1 – Enxeñeiras da EEI: Entrevista
Esta actividade consistirá na realización dunha entrevista a unha muller da EEI (enxeñeira, docente, investigadora, etc), tanto cun perfil sénior como júnior, co obxectivo de ofrecer ás alumnas que nos visitan unha visión real da súa traxectoria profesional, abordando aspectos coma a súa formación, desafíos e logros. A actividade busca inspirar ás estudantes e sensibilizar sobre a igualdade de xénero nos ámbitos STEAM, promovendo a inclusión de mulleres na enxeñaría.
Actividade 11F/Parte 2 – Así imaxinabas a unha enxeñeira?
A partir da información recompilada na primeira parte, as estudantes elaborarán fichas resumen de cada unha das mulleres entrevistadas, que posteriormente se expoñerán ao resto do grupo. Esta actividade convida a reflexionar sobre os estereotipos asociados ás profesións STEAM e a cuestionar a imaxe previa que tiñan dunha enxeñeira, docente ou investigadora, fomentando unha visión máis inclusiva e diversa da profesión.
Podes consultar a axenda detallada na seguinte ligazón: programa Elas Fan CienTec.




