Podes explicar a túa investigación en 60 segundos? Chega a I Edición dos Premios Beatrice Hicks

O Centro de Investigación en Tecnoloxías, Enerxía e Procesos Industriais (CINTECX), en colaboración coa Escola de Enxeñaría Industrial (EEI) da Universidade de Vigo, convoca a I Edición dos Premios Beatrice Hicks CINTECX–EEI, unha iniciativa que se enmarca na conmemoración do Día Internacional da Muller na Enxeñaría, celebrado cada 23 de xuño.

Os premios están dirixidos ao estudantado de grao e mestrado, así como ao persoal investigador predoutoral e posdoutoral, co obxectivo de recoñecer e dar visibilidade ao talento, a investigación e a innovación no ámbito tecnolóxico-industrial.

As persoas participantes deberán elaborar un vídeo divulgativo orixinal, en formato vertical e cunha duración máxima de 60 segundos, co obxectivo de achegar a investigación e a innovación á sociedade de forma clara, accesible e atractiva. O estudantado deberá explicar un avance ou fito investigador que lle resultase inspirador, mentres que o persoal investigador presentará a súa propia liña de traballo, destacando metodoloxías, resultados ou posibles aplicacións.

A convocatoria toma como referencia a figura de Beatrice Hicks, enxeñeira química estadounidense e primeira presidenta da Sociedade de Mulleres Enxeñeiras. Nunha época na que o acceso das mulleres aos estudos e profesións de enxeñaría estaba fortemente condicionado por barreiras sociais, Hicks desenvolveu unha destacada traxectoria profesional, ocupando postos de liderado empresarial e contribuíndo ao desenvolvemento de tecnoloxías empregadas no programa espacial estadounidense, incluídas as misións lunares do Programa Apolo.

A través destes premios, CINTECX e a EEI buscan poñer en valor o papel da investigación e a innovación como motores de progreso, ao tempo que recoñecen a importancia de referentes que contribuíron a abrir camiño na enxeñaría e a tecnoloxía.

Esta iniciativa pretende fomentar a cultura científica e tecnolóxica, impulsar a divulgación da investigación e promover novas vocacións no ámbito da enxeñaría.

📅 Prazo de presentación de candidaturas: ata o 10 de xullo de 2026.

📝 Presentación de solicitudes: as persoas interesadas poderán formalizar a súa candidatura a través do formulario habilitado.

📄 Bases da convocatoria: dispoñibles para a súa consulta no documento oficial dos Premios Beatrice Hicks CINTECX–EEI.

Desde a EEI e CINTECX animamos a toda a comunidade universitaria que cumpra os requisitos a participar nesta primeira edición e demostrar que unha gran investigación tamén pode contarse en só 60 segundos.