IV edición MEI DAY

Retos e Oportunidades da Enxeñería no ámbito da industria e a saúde

 

 

Este ano voltamos celebrar unha nova edición do MEI Day. A xornada terá lugar o xoves 1 de decembro ás 18:00 horas no salón de actos da Escola de Enxeñería Industrial – Sede Campus. Para poder participar é necesario facer o rexistro no seguinte formulario.

 

O MEI Day é unha xornada que ten por obxecto reunir aos/ás egresado/as e ao alumnado que este curso están matriculados no Mestrado en Enxeñaría Industrial e no Mestrado en Enxeñería Biomédica para poder compartir e intercambiar as súas experiencias profesionais e de emprendemento. Trátase dunha xornada que quere poñer en valor o papel da Enxeñería Industrial e servir para coñecer aqueles proxectos nos que veñen traballando os/as nosos/as enxeñeiros/as.

 

O programa para esta IV edición pretende abordar os grandes retos e as oportunidades que se terán que afrontar nos vindeiros anos dentro do ámbito industrial e da saúde.

 

O planning previsto é o seguinte:
 
18:00 a 19:00 horas: Rolda de intervencións dos diversos relatores sobre a temática do encontro.

Lorena Rosende: CEO e cofundadora de Merasys, compañía de desenvolvemento tecnolóxico. É Enxeñeira en enerxías pola UVigo, mestrado en Tecnoloxías avanzadas de fabricación pola UVigo e mestrado en PRL pola USC. Foi elixida como unha das mulleres referentes no ecosistema emprendedor español no ano 2020. Desde Merasys lidera e participa en proxectos de desenvolvemento tecnolóxico como partner de multinacionais de referencia do sector auto, aeronáutico, enerxético, petroquímico ou saúde, así como CPI proxectos de innovación para administracións públicas e sector defensa.

Óscar Barro Guizán: Mestrado en Enxeñaría Industrial pola UVigo. Doutor en Enxeñaría Industrial dentro do programa de Investigación en Tecnoloxías e Procesos Avanzados na Industria. Responsable de I+D+i de Corus Fegoba, onde actualmente se están a desenvolver liñas de investigación para novos procesos de fabricación e novos materiais para o sector da prótese dental. Profesor asociado da UVigo.

Mª Carmen López Pérez: Enxeñeira Industrial pola UVigo. Máster en Innovación empresarial pola “Escuela de Organización Industrial: EOI Business School de Madrid”. Actualmente é a responsable da Oficina de I+D+i de BALIDEA, empresa galega referente en solucións de e-Health. Tamén é membro da Xunta Directiva do Clúster de Saúde de Galicia e Industrial Advisor nun programa de Doutorado Industrial relacionado con Intelixencia Artificial-Tecnoloxías da linguaxe.

Hugo Belerdas Castro: Mestrado en Enxeñería Industrial pola UVigo. Responsable de proxectos de I+D+i en Marine Instruments, actualmente liderando o desenvolvemento dun produto orientado á alimentación para acuicultura baseado en acústica. Tamén con un título de MBA en IESIDE, antiga Escola de Negocios de Abanca.

19:00 a 19:30 horas: Rolda de preguntas.
19:30 a 20:30 horas: Café-networking entre todos os participantes da xornada.

 

Consulta o programa da IV edición do MEI DAY