O ICOIIG convoca as Distincións aos Traballos Fin de Mestrado 2026.
Meses de investigación, horas de traballo e numerosas revisións están detrás de cada Traballo Fin de Mestrado. Máis alá dun requisito académico, os TFM representan tamén ideas, innovación e talento. Co obxectivo de recoñecer ese esforzo, o Ilustre Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Galicia (ICOIIG) abre unha nova convocatoria das súas Distincións aos Traballos Fin de Mestrado.
A convocatoria está dirixida ás persoas tituladas no Mestrado en Enxeñería Industrial das Escolas de Enxeñería Industrial de Galicia que aprobasen o seu TFM durante o ano 2026.
A través destas distincións, o ICOIIG busca recoñecer e dar visibilidade aos proxectos desenvolvidos no marco do Mestrado en Enxeñería Industrial, poñendo en valor o traballo, a dedicación e a capacidade innovadora das novas xeracións de enxeñeiros e enxeñeiras industriais.
Os traballos deberán estar directamente relacionados con algunha das diferentes áreas de actividade profesional da enxeñería industrial, como a mecánica, a construción, a electricidade, a electrónica, a automática, a enerxía, a fabricación ou a organización industrial, entre outras.
As persoas interesadas poderán presentar a documentación requirida ata as 14:00 horas do 20 de outubro de 2026.
As bases da convocatoria, o formulario de participación e toda a información relativa ao proceso poden consultarse na seguinte ligazón:
Distincións aos Traballos Fin de Mestrado – Convocatoria 2026
Esta convocatoria constitúe unha oportunidade para obter un recoñecemento ao traballo realizado e poñer en valor o TFM como parte da traxectoria profesional das persoas participantes.




