A Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) distinguirá coa Medalla de Investigación ao catedrático de Física Aplicada da Universidade de Vigo, Juan Pou Saracho, en recoñecemento á súa traxectoria en investigación desenvolvida en Galicia e ao fomento da promoción da ciencia e a tecnoloxía galegas.
O acto de entrega terá lugar o próximo mércores 8 de outubro, no Día da Ciencia en Galicia.
Xunto a Juan Pou tamén serán galardoados, a catedrática de Dereito Internacional Privado e decana da Facultade de Relacións Internacionais da Universidade de Vigo, Laura Carballo Piñeiro e os investigadores da Universidade da Coruña, Nieves Rodríguez Brisaboa, Francisco J. Blanco García e María Carmen Veiga Barbazán.
Profesor da nosa Escola e investigador en Cintecx (Centro en Investigación en Tecnoloxías, Enerxía e Procesos Industriais), onde dirixe ao grupo de investigación Laseron (Aplicacións dos láseres), Juan Pou é un referente internacional no eido das aplicacións láser. As súas liñas de traballo céntranse na industria, a saúde e a sostibilidade. Destacan os seus traballos de valorización dos produtos e residuos xerados nas cadeas de produción vencelladas ao mar, como o aproveitamento de espiñas e ósos de peixe para obter fosfatos de calcio. A mellora da eficiencia dos sistemas mecánicos empregados nas artes de pesca e de produtos e servizos en diversos sectores para obter unha industria intelixente e sostible.
Destaca tamén a súa participación nun proxecto europeo centrado no uso da tecnoloxía láser para reciclar o vidro que non se recicla, como o empregado en produtos farmacéuticos ou en dispositivos electrónicos como teléfonos móbiles e pantallas de computador.
Dende a Escola queremos darlle os nosos parabéns. Grazas pola túa contribución á ciencia e á investigación!




