Traballo Fin de Grao

Matrícula TFG

Deberá ser formalizada antes de poder comezar a súa realización dado que, aínda que non exista docencia como tal, é necesario asegurar o asesoramento por parte do profesor asignado como director.

A matricula do TFG debe realizarse xunto con todos os créditos restantes da titulación.

Proposta de traballos

Pode partir tanto de profesores como de alumnos da titulación de Grao que corresponda e en calquera período do curso académico.
A proposta do alumno poderá ser a título individual ou ter vinculación co traballo desenvolto por outro centro universitario, por unha empresa, por un centro ou instituto de investigación, por unha universidade estranxeira ou por institucións que colaboran no desenvolvemento das actividades formativas das titulacións impartidas pola EEI. No caso de que o tema sexa proposto por unha empresa ou por un centro de investigación externo, deberá formalizarse un convenio de colaboración educativa coa EEI.

Solicitude de aprobación de título, tema e director do TFG (solicitude electrónica)

O alumno deberá solicitarlle á Comisión Permanente a aprobación de:

  • Título do TFG
  • Tema do TFG
  • Director ou directores do TFG

A solicitude electrónica será iniciada polo director mediante a asignación a unha liña de traballo (secretaría virtual do director) e será completada polo alumno (secretaría virtual do alumno)

Solicitude de lectura e tribunal do TFG (solicitude electrónica)

Unha vez realizado o TFG o alumno deberá solicitar a súa lectura á Comisión Permanente. A solicitude será iniciada polo informe favorable do director (secretaría virtual do director; incluirá o informe de valoración do TFG) e será completada polo alumno (secretaría virtual do alumno).

Depósito do Traballo e envío dos ficheiros electrónicos

Unha vez rematada a realización do TFG, o alumno deberá deberá entregar a documentación relativa ao mesmo a través da plataforma telemática habilitada para tal efecto en cada convocatoria, así como copia en formato dixital no caso de ser requirida. Para a entrega do TFG deberá achegar os seguintes documentos co formato que se especifique nas directrices aprobadas pola Comisión Permanente:

  • Resumo executivo coa indicación das conclusións e aportacións máis relevantes do traballo en formato electrónico
  • Copia completa do traballo en formato electrónico.

Asemade o alumno deberá subir á Faitic/Moovi os seguintes ficheiros en formato pdf:

  • Documentos do TFG (máximo 20 Mb e 400 páxinas)
  • Resumo executivo A3

Defensa

A defensa só poderá realizarse despois de que o alumno teña superado tódolos créditos restantes da titulación.

A defensa realizarase nas datas fixadas pola Comisión Permanente.

A defensa do TFG consistirá nunha exposición pública do traballo durante un tempo de 15 minutos seguida dunha quenda de preguntas de 5.