Xornada Elas Fan CienTec 2025

A Universidade de Vigo, no marco da conmemoración do Día Internacional da Muller e da Nena na ciencia, que se celebra o 11 de febreiro en todo o mundo, dedicará o mes de febreiro a dar visibilidade ao traballo das súas investigadoras e científicas e a fomentar as vocacións entre as xeracións máis novas. O obxectivo fundamental é dar a coñecer a ciencia que se está a levar a cabo dentro da UVigo e achegar referentes femininos no campo da I+D.

A Escola de Enxeñería Industrial únese a estas actividades coa participación no programa Elas Fan CienTec, que se realizará o martes 11 de febreiro e no que participará un grupo de alumnas do IES Monte Carrasco de Cangas.

Este programa contará coas seguintes actividades máis destacadas:

Actividade 11F/Parte 1 – Enxeñeiras da EEI: Entrevista
Consiste en entrevistar a unha muller da EEI (enxeñeira, docente, investigadora, etc), tanto un perfil sénior como júnior, para ofrecer ás alumnas que nos visiten unha visión real da súa traxectoria (formación, desafíos, logros, etc) promovendo a inclusión de mulleres en enxeñaría. Busca inspirar ás estudantes e sensibilizar sobre a igualdade de xénero en campos STEAM.

Show room – JAI
É unha pequena feira tecnolóxica presencial na que estarán presentes algúns dos robots sociais, lúdicos, móbiles, industriais, colaborativos e sensitivos máis avanzados do mercado. Ademais, expoñerán nesa zona tres asociacións de estudantes da EEI, que mostrarán os seus últimos prototipos: un vehículo de competición, un barco solar e un satélite.

Actividade 11F/Parte 2 – Así imaxinabas a unha enxeñeira?
Consiste en recompilar a información da entrevista (parte 1) nunha ficha resumo de cada muller da EEI para logo expoñer en público ao resto de compañeiras. Así, convida ás estudantes a reflexionar sobre as mulleres nos ámbitos STEAM, cuestionando como imaxinaban a unha enxeñeira, a unha docente, a unha investigadora, e promovendo unha visión máis inclusiva e diversa da profesión.

Ademais, conversarase sobre as “X Xornadas sobre Tecnoloxías e Solucións para a Automatización Industrial – JAI 2025”.

Podes consultar a axenda detallada na seguinte ligazón: programa Elas Fan CienTec.