Xornada Elas Fan CienTec 2024

A Universidade de Vigo, no marco da conmemoración do Día Internacional da Muller e da Nena na ciencia, que se celebra o 11 de febreiro en todo o mundo, dedicará o mes de febreiro a dar visibilidade ao traballo das súas investigadoras e científicas e a fomentar as vocacións entre as xeracións máis novas. Para elo deseñou un amplo programa de actividades, que podes consultar aquí, co fin de dar a coñecer a ciencia que se está a levar a cabo dentro da UVigo e achegar referentes femininos no campo da I+D.

A Escola de Enxeñería Industrial únese a estas actividades coa participación no programa Elas Fan CienTec, un programa de obradoiros para rapazas de secundaria que se realizará o 8 de febreiro.

A EEI recibirá a máis de 50 alumnas do IES Alexandre Bóveda que participarán nos seguintes obradoiros:

Obradoiro de termografía infravermella

  • Técnicas de ensaio baseadas na captación da radiación infravermella emitida por calquera obxecto cotiá.
  • Coñecementos das aplicacións nas que se pode utilizar, por exemplo, previr incendios en industrias e nos bosques, mellorar a eficiencia enerxética nos fogares ou a localización de seres vivos.
  • Práctica con software específico para o tratamento e interpretación das imaxes tal e como fan os termógrafos reais.

Obradoiro en deseño e prototipado

  •  Mellorar ou salvar a vida das nosas mascotas a través do deseño e fabricación de implantes para cirurxía veterinaria.
  • Deseño dun prototipo, amosando como se fai a súa ensamblaxe dentro do conxunto empregando o software de deseño 3D e amosarase o proceso a seguir para a impresión en 3D da peza deseñada.

Obradoiro Open Lab

As alumnas poderán visualizar nun espazo de exposición da escola diferentes proxectos de aplicación de novas tecnoloxías. Realidade aumentada, Tecnoloxía láser, Automatización e Robótica.

Con este tipo de iniciativas preténdese fomentar un talento que non entenda de xénero e eliminar así a brecha existente entre homes e mulleres no acceso a carreiras tecnolóxicas e científicas.

Podes consultar a axenda detallada na seguinte ligazón: programa Elas Fan CienTec.