O próximo venres 18 de febreiro, de 12:00 a 14:00 horas, terá lugar na aula 15 da Escola de Enxeñería Industrial – Sede Campus, unha xornada divulgativa sobre usos e aplicacións da RV/RA.
A Escola de Enxeñería Industrial vén apostando polo uso e aplicación das novas tecnoloxías, como un aspecto estratéxico para o seu posicionamento como unha Escola de referencia no desenvolvemento dos seus procesos formativos e de investigación. Dentro deste contexto, consideramos que as tecnoloxías de RV/ RA poden ser un factor clave e diferencial para situar á EEI como referente na súa aplicación, non só na docencia, senón tamén na investigación ou transferencia á industria.
Esta xornada enmárcase dentro dun conxunto de actividades cuxo obxectivo é coñecer, avaliar e considerar aplicacións potenciais, tanto para docencia como investigación. É unha xornada orientada ao profesorado das distintas áreas con docencia na Escola, na que esta tecnoloxía pode representar unha oportunidade para a introdución de metodoloxías docentes innovadoras. Convidámosvos a participar na mesma a través do rexistro no seguinte formulario: https://forms.gle/eRRiiNZbc6QcpLu1A
Será impartida por Xoel Vázquez, CEO en Xoia Extending Reality. No 2014 o seu proxecto «TimeTrip Experience», para musealizar xacementos arqueolóxicos con realidade aumentada, foi valorado como a mellor idea 3DStartUp. A partir de aí, comezou a profundizar no uso da tecnoloxía XR en distintos campos, especialmente o industrial, buscando o aporte de valor e a aplicación práctica desta tecnoloxía no mundo real. En 2018 funda Xoia Extending Reality onde comeza a desenvolver solucións XR traballando coa industria galega e desenvolvendo producto propio para a dixitalización do coñecemento.
Xoia Extending Reality converteuse na empresa referencia do noroeste de España no desenvolvemento de solucións de Realidade Aumentada, Virtual e Mixta, cun equipo consolidado de máis de 20 persoas. Conta con proxectos na Industria 4.0, con experiencia en sectores como o Naval, Alimentación ou Automoción, realizando proxectos para optimizar procesos, dixitalizar o coñecemento ou mellorar a formación dos técnicos.
Podes consultar o programa da xornada na axenda.