Hoxe martes 22 de febreiro toma posesión como académico da Real Academia Galega de Ciencias, o Dr. Aníbal Ollero Baturone, quen foi profesor e impulsor na década dos 80 da antiga Escola Técnica Superior de Enxeñeiros Industriais de Vigo e actual catedrático da Universidade de Sevilla e un referente en robótica aérea. Así, o seu campo de investigación céntrase na robótica aérea e os vehículos aéreos non tripulados, dirixindo en Sevilla un grupo de investigación líder mundial neste eido, con varios proxectos do Programa Marco Europeo Horizonte 2020. Tamén é asesor do Centro Avanzado de Tecnologías Aeroespaciales (CATEC).
Con motivo deste nomeamento, tivemos o pracer de contar onte 21 de febreiro coa súa visita á Escola de Enxeñería Industrial – Sede Campus. Na seguinte fotografía, terceiro pola dereita, posa co director e profesores do Departamento de Enxeñería de Sistemas e Autómatica no Laboratorio Ricardo Marín da Escola.