Moi importante!! Novos axustes na organización docente

Este luns, día 15 de febreiro, a Xunta de Galicia ven de anunciar unha serie de axustes nas medidas adoptadas por mor da pandemia, e que afectan ao desenvolvemento da actividade docente  das Universidades (Consultar o DOGA). A volta á docencia presencial producirase o vindeiro 1 de marzo. Ata esa data a docencia seguirá na modalidade en liña ou telemática, ao igual que na primeira semana do cuadrimestre.    

Antes da volta ás aulas, probablemente na semana próxima, farase un cribado masivo co obxecto de garantir que o retorno á actividade presencial sexa seguro. Aínda que se trata dun proceso de participación voluntaria, facer fincapé  na importancia da prevención dos contaxios e animar a que todo o mundo participe nestes cribados.

Planificación académica

Como consecuencia de todas estas medidas, lembrámosche que a Comisión Permanente da Escola, na súa reunión extraordinaria do 2 de febreiro de 2021, aprobou unha nova planificación académica que podes consultar nas seguintes ligazóns: https://eei.uvigo.es/gl/alumnado/planificacion-academica/ ou https://eei.uvigo.es/gl/estudos/planificacion-academica/

Desde a dirección queremos amosarche o noso compromiso para afrontar estas medidas de tal xeito que a súa incidencia sexa a mínima posible. Na medida en que se vaian coñecendo con detalle o alcance das medidas ditadas, trataremos de facer os axustes necesarios na nosa organización docente e mantervos puntualmente informados.

Unha vez máis, pedirvos a vosa comprensión e colaboración para que, entre todas as partes, sexamos quen de superar esta difícil situación. O máis importante é que todos sexamos conscientes da importancia do respecto das normas e que preservemos a nosa saúde en beneficio de todas as persoas.

Pódese consultar máis información na seguinte ligazón.