Normativa para a selección de estudantes da Escola de Enxeñería Industrial para o programa de mobilidade Erasmus-Estudos

1. Obxecto

Esta normativa define os criterios específicos de centro que debe cumprir o alumnado da Escola de Enxeñería Industrial (EEI) para participar no programa de mobilidade Erasmus-estudos -tal e como se contempla nas bases da convocatoria de dito programa- e particularmente o procedemento de selección, resolución e notificación dos estudantes de mobilidade.

Esta normativa complementa o Regulamento da Escola de Enxeñería Industrial da Universidade de Vigo para programas de mobilidade de estudos.

2. Criterios de selección de estudantes

A selección dos estudantes da EEI para o programa de mobilidade ERASMUS será realizada atendendo aos seguintes criterios:

  1. Seleccionaranse unicamente estudantes de Grao que teñan superados todos os créditos ECTS do primeiro curso da titulación e polo menos 30 créditos ECTS do segundo curso.
  2. Seleccionaranse preferentemente estudantes de Mestrado da EEI que teñan superados polo menos 18 ECTS do primeiro cuadrimestre do primeiro curso de mestrado.
  3. Terán prioridade na selección aqueles estudantes de Grao e Mestrado que non teñan realizado unha estadía de mobilidade académica durante os seus estudos de Grao. Baixo este suposto, no caso de que un estudante de grao e un de mestrado opten a unha praza ofertada para grao e mestrado, terá prioridade o estudante de mestrado.
  4. Terán prioridade na selección os estudantes que teñan maior puntuación (P) de acordo co seguinte baremo:

    P=S1/Sm1(7,5*Me/Mt+I)

    Onde S1 é o número de créditos ECTS superados polo estudante (non se computan os créditos de 3º,  4º ou 5º curso de grao nin os de 2º curso de mestrado). Sm1 son créditos superados polo estudante na primeira parte do ciclo de estudos (Sm1 vale 120 ECTS para grao, 126 ECTS para PCEOS da EEI -créditos de 1º e 2º curso- e 30 ECTS para mestrado).  Me é a nota media do expediente do estudante, Mt é nota media da titulación e I valora o coñecemento do idioma do país de destino en función do nivel acreditado polo estudante dentro do marco común europeo de referencia para as linguas:

    Nivel I
    A1 0,25
    A2 0,50
    B1 1,00
    B2 1,50
    C1 2,00
    C2 2,50

    En igualdade de puntuación, terán preferencia os estudantes que teñan cursado materias implantadas en inglés.

  5. No caso de que non se dispoña das notas do 1º cuadrimestre para realizar a selección, aos estudantes de Mestrado da EEI:
    •  Non se lles aplicará a condición do punto 2 no momento da selección
    •  Aplicaráselles o baremo do punto 4 coas variables Mt e Me referidas á súa titulación de Grao que deu acceso ao mestrado. Asemade, en S1 computaranse todos os créditos superados polo estudante nesa titulación de grao e en Sm1 incluiranse os créditos totais desa titulación de grao.

No momento de iniciar o intercambio na universidade de destino, o estudante deberá cumprir tamén os criterios adicionais de créditos indicados no punto 3.

3. Selección de estudantes e adxudicación das prazas

A selección dos estudantes da EEI e adxudicación das prazas do programa ERASMUS será realizada pola subdirección de relacións exteriores.

Seleccionaranse os estudantes da EEI segundo os criterios detallados no punto anterior. Cada praza do programa ERASMUS estudos adxudicaráselle ao estudante que teña maior puntuación no proceso de selección e que ademais cumpra cos requirimentos da praza:

  • Requirimentos de idiomas da praza.
  • No caso de que a praza teña asignado como titor un profesor da EEI, o estudante debe de contar coa aceptación deste titor. O estudante debe cumprir os requisitos esixidos no listado de prazas do programa ERASMUS estudos anexo á convocatoria.

Para facer a estadía esixirase que, no momento de iniciar o intercambio, o estudante teña pendentes, como máximo, o número de créditos ECTS indicado na táboa seguinte, sen prexuízo de que o titor de destino esixa un número de créditos pendentes de superar menor:

 

Titulación
Créditos ECTS pendentes
Titulacións de Grao 0 de 1º curso

 

Máximo 24 de 2º e 3º curso

Mestrados da EEI 12 de 1º curso de mestrado

4. Publicación da relación provisional de bolseiros e alegacións

A relación provisional de bolseiros seleccionados publicarase na web da EEI e a través da lista de distribución de correo electrónico eei.alumnos@listas.uvigo.es.

O estudante dispoñerá de cinco días hábiles, contados a partir da data de publicación da lista provisional, para presentar alegacións.

Xunto coa resolución publicarase un listado de prazas libres non cubertas. Os estudantes en lista de espera ou excluídos poderán optar a algunha destas prazas dirixindo unha instancia á atención do Director da EEI acompañada da carta de aceptación do titor do destino, no caso de ser necesaria.

 

5. Resolución de incidencias

Delégase na dirección da EEI a resolución de tódalas incidencias que xurdan no procedemento de selección de estudantes para o programa ERASMUS estudos.

Aprobado pola Comisión Permanente da EEI na reunión celebrada o 18 de decembro de 2023.