Axenda

Información do evento:

  • Ven
    03
    Xul
    2026

    Presentación do novo vehículo UVigo Motorsport

    17:00EEI - Sede Campus

    Meses de traballo, innovación e perseveranza culminan na presentación do novo monopraza de UVigo Motorsport

     

    O próximo venres 3 de xullo a partir das 15:00 horas, terá lugar no salón de actos da EEI – Sede Campus a presentación do novo vehículo desenvolvido por UVigo Motorsport, o equipo de Fórmula Student da Universidade de Vigo.

     

    UVigo Motorsport é o único equipo de Fórmula Student de Galicia. Creado no ano 2014 por un grupo de estudantes da Escola de Enxeñería Industrial, está integramente formado por alumnado da Universidade de Vigo e ten como obxectivo deseñar, fabricar e poñer a proba un vehículo monopraza de competición para participar na Fórmula Student, a competición interuniversitaria de enxeñería do automóbil máis prestixiosa do mundo.

     

    A presentación deste ano ten, ademais, un significado especial. Hai uns meses, un incendio no taller no que traballaba o equipo provocou importantes danos e obrigou a afrontar un importante contratempo no desenvolvemento do proxecto. Grazas ao esforzo, á dedicación e á capacidade de adaptación dos seus integrantes, así como ao apoio recibido por parte da Universidade de Vigo e do Cintecx, que lles facilitaron un novo espazo para continuar co seu traballo, UVigo Motorsport conseguiu superar esta dificultade e completar o deseño do novo vehículo, un logro que pon de manifesto tanto a resiliencia do equipo como o compromiso da comunidade universitaria co proxecto.

     

    Durante o acto darase a coñecer este novo monopraza, co que os estudantes afrontarán unha nova tempada de competicións internacionais co obxectivo de seguir mellorando os resultados acadados en edicións anteriores.

     

    Co novo vehículo, o equipo participará nas seguintes probas internacionais:

     

    • Formula Student Austria, do 26 ao 30 de xullo no Red Bull Ring.
    • Formula Student Spain, que se disputará no Circuit de Barcelona-Cataluña (Montmeló) entre o 1 e 7 de agosto.

     

    Non perdas a oportunidade de coñecer de primeira man o novo monopraza de UVigo Motorsport e descubrir o traballo, o talento e a capacidade de superación do alumnado que fai posible este proxecto de enxeñería.