Axenda

  • Xov
    29
    Out
    2026
    Escola de Enxeñería Industrial - Sede Cidade

    125 anos do inicio dos estudos de industriais en Vigo: recuperando unha das súas tradicións estudantís máis emblemáticas.
      

    Unha viaxe ao pasado a través das lembranzas e das historias que marcaron varias xeracións de estudantes. A Escola de Enxeñaría Industrial - Sede Cidade acollerá a presentación dunha exposición dedicada ao Destornillo, unha iniciativa que permitirá achegar ás novas xeracións unha parte da historia da Escola e da súa vinculación coa cidade de Vigo.

     

    O Destornillo naceu en 1954 da man do alumnado da antiga Escola de Peritos Industriais de Vigo e axiña se converteu nunha celebración que transcendeu o ámbito académico. As súas características carrozas, construídas con cartón, ferro e outros materiais, percorrían as rúas da cidade facendo do humor, da sátira e da creatividade unha forma de expresión e de crítica social.

     

    Baixo o lema «Contra todo, porque si», esta festa foi durante anos un símbolo da irreverencia e do espírito participativo do estudantado, deixando unha pegada singular na vida universitaria e cultural de Vigo.

     

    A conmemoración dos 125 anos ofrece tamén unha oportunidade para lembrar as orixes dos estudos industriais na cidade e poñer en valor o legado das xeracións que contribuíron á historia da Escola. A presentación da exposición contará coa participación de protagonistas históricos do Destornillo, que compartirán as súas experiencias e lembranzas arredor dunha celebración que marcou toda unha época.

     

    Programa do acto 

    • Benvida ao acto de inauguración da Exposición.
    • Presentación da Exposición sobre "O Destornillo": cabalgata e revista.
    • Intervencións de participantes históricos en "O Destornillo".
    • Inauguración da Exposición.
    • Peche do acto.

     

    Información do acto

     
    📅 Data: Xoves, 29 de outubro de 2026.
     
    🕓 Horario: 19:30 – 20:30 horas.
     
    📍 Lugar: EEI – Sede Cidade.
     
    👥 Organiza: COITIVIGO.

  • Mar
    27
    Out
    2026
    Escola de Enxeñería Industrial - Sede Campus

    Presentación e posta en marcha dos proxectos STEMbach correspondentes ao novo bienio.

      

    A Escola de Enxeñaría Industrial (EEI) da Universidade de Vigo acollerá o próximo martes 27 de outubro unha xornada de presentación do programa STEMbach correspondente ao bienio 2026/2028.
     
    STEMbach é un programa de Bacharelato de Excelencia en Ciencias e Tecnoloxía impulsado pola Xunta de Galicia que busca favorecer o desenvolvemento das competencias clave para o século XXI e fomentar as vocacións científicas e tecnolóxicas mediante a investigación e o contacto directo co ámbito universitario.
     
    No marco desta iniciativa, a EEI colabora con centros de educación secundaria de Galicia a través de diferentes proxectos de investigación que permiten ao alumnado entrar en contacto coa enxeñaría, desenvolver as súas propias ideas e coñecer de primeira man o traballo que se realiza na universidade.
     
    A xornada servirá para dar a coñecer o programa deste novo bienio, achegar ás persoas participantes á Escola e celebrar as primeiras reunións dos proxectos que se desenvolverán durante o bienio 2026/28.
     
    Programa da xornada 

    • 15:45 horas | Recepción das persoas asistentes.
    • 16:00 horas | Benvida do director da EEI.
    • 16:10 horas | Presentación do programa STEMbach.
    • 16:30 horas | Explorando a EEI.
    • 16:45 horas | Reunión dos equipos dos proxectos STEMbach 2026-2028.

     

    📅 Data: martes, 27 de outubro de 2026.
     
    🕓 Horario: 15:45–17:45 horas.
     
    📍 Lugar: Salón de Actos da Escola de Enxeñaría Industrial – Sede Campus.
     
    Coordinación STEMbach na EEI:

     

    Xanel Vecino Bello, subdirectora de Alumnado e Relacións Institucionais.
    ✉️ eei.alumnado@uvigo.gal

     

    Máis información sobre o programa STEMbach e os proxectos da Escola:

     

    👉 https://www.uvigo.gal/es/ingenieria-industrial-sociedad

  • Sáb
    24
    Out
    2026
    Escola de Enxeñería Industrial - Sede Campus

    Unha viaxe pola historia - o gran reencontro

      

    En outubro de 1976 comezaban os estudos de Enxeñaría Industrial en Vigo. Cincuenta anos despois, queremos celebrar este fito coa comunidade que, ao longo de cinco décadas, contribuíu a construír esta historia.

     

    📅 Sábado 24 de outubro
    📍 Escola de Enxeñería Industrial – Sede Campus
     
    A celebración terá como acto central un encontro aberto ás diferentes xeracións de estudantes, persoas egresadas, profesorado, persoal e demais persoas vinculadas á Escola, que co seu esforzo e compromiso contribuíron a construír estes cincuenta anos de historia, formación, innovación e desenvolvemento.
     

    Programa

    10:45 h | Recepción e acreditación

    Benvida no vestíbulo, con exposición de orlas e fotografías históricas. Haberá tamén espazos para empresas e networking desde o primeiro momento.
     
    Prégase puntualidade, xa que o acto dará comezo ás 11:00 h.
     
    11:00 h | Apertura oficial e saúdo institucional

    Benvida a cargo da dirección da Escola, acompañada da representación institucional. Presentación do fío condutor do acto: «Naceu, viviu, o futuro por vir».
     
    11:15 h | Mesa redonda «Fixeron escola»

    Profesorado xubilado que marcou varias xeracións e directivos de empresas compartirán lembranzas, anécdotas e reflexións sobre o futuro da enxeñaría, nunha conversa moderada por unha persoa egresada.
     
    12:05 h | Relatorio: industria, talento e innovación

    Unha reflexión sobre o papel da enxeñaría no Vigo da próxima década, a cargo dun alto directivo empresarial (duración aproximada: 20 minutos).
     
    12:30 h | Presentación do libro do 50º aniversario

    O profesor Luis Espada, director do Observatorio de Persoas Egresadas, presentará o libro elaborado polo Observatorio, que recolle medio século de historia dos estudos de enxería industrial.

     
    13:00 h | Cóctel e petisco

    Tras o acto institucional, as persoas asistentes poderán compartir un aperitivo nun espazo distendido para o reencontro, a conversa e o intercambio de lembranzas e experiencias entre as distintas xeracións da comunidade da EEI.
     
    A asistencia ao acto do 24 de outubro require inscrición previa.
     
    Podes consultar máis información e formalizar a inscrición a través do seguinte formulario:

    Formulario de inscrición – Acto do 50º aniversario (24 de outubro)

  • Mér
    21
    Out
    2026
    Recinto Feiral de Pontevedra

    Coñece as oportunidades que a enxeñaría industrial ofrece para o teu futuro académico e profesional.
      

    A Escola de Enxeñería Industrial da Universidade de Vigo estará presente na 15ª edición do Salón de Oferta de Educación e Formación de Galicia (EDUGAL), que se celebrará do 21 ao 23 de outubro de 2026 no Recinto Feiral de Pontevedra.
     
    Durante a feira, poderás coñecer de primeira man a oferta formativa da Escola e atopar resposta ás túas dúbidas sobre as diferentes posibilidades para o teu futuro académico e profesional. Unha oportunidade para achegarte á enxeñaría industrial e descubrir as opcións e oportunidades que ofrece esta formación.
     
    EDUGAL reúne estudantes, familias, profesorado, orientadores e profesionais da educación, e ofrece un amplo programa de charlas, demostracións e obradoiros para dar a coñecer as diferentes alternativas educativas e formativas dispoñibles en Galicia.
     
    📅 Do 21 ao 23 de outubro de 2026.
     
    📍 Recinto Feiral de Pontevedra.
     
    🕙 Mércores e xoves: de 10:00 a 18:00 horas.
     
    🕙 Venres: de 10:00 a 14:00 horas.
     
    🎟️ Entrada gratuíta.
     
    Consulta máis información sobre a feira na web de EDUGAL.

  • Mar
    20
    Out
    2026
    Escola de Enxeñería Industrial - Sede Campus

    Un encontro coa historia - viaxando no tempo
      
    📅 20 de outubro
    📍 Escola de Enxeñería Industrial – Sede Campus
     
    Un primeiro encontro aberto á comunidade para poñer en valor a traxectoria da Enxeñería Industrial en Vigo e a súa contribución ao desenvolvemento industrial, tecnolóxico e social da nosa contorna.
     
    Entrada libre e sen necesidade de inscrición previa.
     
    A Escola abre as súas portas para viaxar no tempo. Alumnado, profesorado e persoas egresadas percorrerán a Escola dos seus primeiros anos, recuperarán a moda de diferentes décadas e celebrarán xuntos medio século de historia, nunha xornada que terá como escenario o vestíbulo da Escola.
     
    Programa
     
    12:00 h | Inmersión na Escola da época

    Viaxe no tempo aos primeiros anos da Escola, con aulas e espazos ambientados nos anos 70. Material docente, apuntamentos, regras de cálculo e fotografías da época permitirán descubrir como se estudaba Enxeñaría Industrial naquela época.
     
    12:30 h | Radio en directo desde o vestíbulo

    Emisión en directo ata as 14:00 h, con entrevistas a persoas de diferentes promocións, música de época e fotografías que repasan os 50 anos de historia dos estudos de Enxeñaría Industrial.
     
    13:00 h | Concurso de vestimenta de época

    O alumnado recuperará a moda das diferentes décadas da Escola, desde os anos 70 ata a actualidade, nun desfile no vestíbulo que será retransmitido en directo pola radio. Haberá un premio á mellor caracterización.

  • Xov
    15
    Out
    2026

    Protocolo de prevención do acoso sexual e por razón de sexo na UVigo

     

    Esta formación presencial e dinámica terá lugar o xoves 15 de outubro, de 12:00 a 13:30 horas, na Aula de Grao da EEI – Sede Campus.

     

    A formación ofrece recursos prácticos para sensibilizar e capacitar o alumnado na identificación e comprensión das violencias machistas no contexto universitario, con especial atención ao acoso sexual e ao acoso por razón de sexo. Así mesmo, promove a adquisición de ferramentas para recoñecer, previr e actuar ante estas situacións no día a día.

     

    Pode consultarse máis información na seguinte ligazón: Programa formativo Voces de cambio.

  • Mér
    14
    Out
    2026
    Escola de Enxeñería Industrial - Sede Cidade

    Formación para o desenvolvemento e a presentación destes proxectos
      

    O próximo 14 de outubro, de 16:00 a 18:00 horas, terá lugar unha sesión formativa dirixida ao alumnado dos proxectos STEMbach do bienio 2025/27.
     
    A sesión ten como obxectivo proporcionar ao alumnado ferramentas e competencias para o desenvolvemento dos seus proxectos, abordando aspectos como a redacción dun proxecto STEMbach, a preparación da súa posta en escena e a defensa final.
     
    Os proxectos que se están a desenvolver nesta edición son:
     
    👉 «Los disolventes del futuro: ¿pueden aplicarse para la eliminación de contaminantes de aguas residuales industriales?»
     
    👉 «PhytoBeats: cómo la frecuencia del sonido modula el crecimiento vegetal»
     
    👉 «Sistema embebido Wi-Fi de bajo coste para la vigilancia del radón en centros educativos»
     
    👉 «Diseño e implementación de kit para monitorización de niveles de radón en viviendas, empleando WiFi»
     
    👉 «Plan integral de negocio: segmentación, canales e implementación para guiado acuático con IA»
     
    O Bacharelato de Excelencia en Ciencias e Tecnoloxía (STEMbach) forma parte da Estratexia Galega de Educación Dixital EDUDixital 2020.