Conta atrás para as “JAI”, escaparate das tecnoloxías de automatización industrial máis innovadoras e avanzadas

O luns 10 de febreiro de 2025 comezarán as JAI’2025, as X Xornadas sobre Tecnoloxías e Solucións para a Automatización Industrial.

5 días dedicados á robótica, á Industria 4.0 e á dixitalización.

Cun cartel de excepción que reunirá a 70 relatores e máis de 40 horas de relatorios, converténdose así no programa máis amplo da súa historia. As “JAI” convertirán a Vigo durante cinco días (do 10 ao 14 de febreiro) no epicentro do sector.

O programa de relatorios de cada día culminará cunha mesa redonda sobre os temas máis candentes do sector (robótica, automatización, intelixencia artificial, ciberseguridade industrial, investigación en robótica…) A mesa do xoves reunirá a catro profesores e investigadores de gran renome neste eido, procedentes de universidades nacionais e internacionais.

Todas as conferencias terán lugar no Salón de actos da Escola de Enxeñería de Industrial – Sede Campus.

Ademais, na entrada da Escola de Enxeñeria Industrial poderase gozar dun Showroom no que se poderán coñecer in situ innovadoras solucións nuns 40 expositores.

O acto de apertura contará coa presenza de tres robots de Unitree: Go2, Go2w e o bípedo G1. Xunto a eles estarán Vision 60 de Ghost Robotics e os Rs e WallE que acostuman estar presentes nas JAI.

Trátase en definitiva dun dos eventos máis importantes do panorama nacional no ámbito da automatización, robótica e dixitalización industrial, no que se prevé que haxa máis de 2000 asistentes.

Se queres seguir as xornadas gratuítamente na modalidade en liña, poderás facelo dende a Canle 1 de UVIGO-TV.

Vascho perder? Vémonos nas JAI’2025!