Tolerancia cero co plaxio

A Real Academia Española define como plaxio "copiar no substancial obras alleas, dándoas como propias". Cometemos plaxio cando usamos as ideas, o traballo, as palabras, as imaxes, os planos, a música, os deseños, os vídeos, os programas de computador, etc doutra persoa coma se fosen nosos. E facémolo sen recoñecer de xeito explícito que non son nosos e sen citar a fonte de onde obtivemos esta información.

Cando realizamos un plaxio estamos violando a Lei de Propiedade Intelectual (regulada polo Real Decreto Lexislativo 1/1996, de 12 de abril modificado pola Lei 5/1998 de 6 de marzo) que establece no seu artigo 1 que "a propiedade intelectual dunha obra literaria, artística ou científica corresponde ao autor só polo feito da súa creación" e recoñece ao autor os seguintes dereitos:

  • dereito irrenunciable e inalienable de esixir o recoñecemento da súa condición de autor da obra (Art. 14.3)
  • exercicio exclusivo dos dereitos de explotación, como a reprodución da obra, que non pode realizarse sen a súa autorización (Art.17)
  • as accións xudiciais para reclamar a indemnización polos danos materiais e morais ocasionados polo acto infractor (Art. 138)

Polo tanto, cando realizamos un plaxio podemos estar cometendo un delito.

 

A Escola de Enxeñería Industrial da Universidade de Vigo estableceu unha estratexia de tolerancia cero co plaxio. Para iso, dende o curso 2013/2014 ven utilizando unha potente ferramenta de software, Turnitin, para detectar a orixinalidade en traballos escritos dos estudantes.

Esta ferramenta úsase de forma rutineira nas seguintes titulacións da Escola:

  • Grao en Enxeñería en Organización Industrial
  • Grao en Enxeñería en Tecnoloxías Industriais
  • Grao en Enxeñería en Química Industrial
  • Grao en Enxeñería en Electrónica Industrial e Automática
  • Grao en Enxeñería Eléctrica
  • Grao en Enxeñería Mecánica
  • Mestrado en Enxeñería Industrial
  • Programa de Doutoramento en Investigación en Tecnoloxías e Procesos Avanzados na Industria

Deste xeito, todos os traballos de fin de grao, os traballos de fin de mestrados, as teses doutorais e diferentes traballos (individuais e en grupo) dos alumnos correspondentes a estas titulacións son sometidos a unha análise de orixinalidade por medio da ferramenta Turnitin.

Turnitin permite revisar os traballos dos estudantes e detectar citas incorrectas ou posibles plaxios. Esta ferramenta compara os traballos dos estudantes coa maior base de datos comparativa do mundo que inclúe páxinas web, libros, artigos en prensa e revistas.