A importancia dos valores
Diferentes ránkings e estudos poñen de manifesto que entre as competencias máis relevantes para as empresas atópanse a honestidade e o compromiso ético, a capacidade de aprendizaxe e adaptación ao cambio e o traballo en equipo. As compañías sinalan as habilidades interpersoais e de comunicación, a capacidade para analizar e resolver problemas, a orientación a resultados e os coñecementos técnicos da profesión e a habilidade para traballar en contornas multiculturais e multidisciplinares, como aqueloutro grupo de competencias que son necesarias para un correcto desempeño da actividade profesional.
Por iso, dentro do marco do Plan Estratéxico, a Escola de Enxeñaría Industrial busca conxugar tres obxectivos: impartir unha boa formación técnica, conseguir que os titulados sexan valorados e contratados e ofrecer unha formación integral, que sexan ‘boas persoas’. Debe lembrarse que, no momento de formalizar a matrícula, todo o alumnado da EEI asina un Código Ético no que se compromete, entre outros aspectos, a non plaxiar os traballos, a non utilizar medios que non estean permitidos… Desde a Escola de Enxeñaría Industrial entendemos que a Universidade ten que transmitir coñecementos, pero tamén inculcar valores entre o seu alumnado. Ninguén quere contratar a un/a enxeñeiro/a ou (profesional) que non os teña.
Compromiso Ético
Por outra banda, entendemos que a competencia relativa ao Compromiso Ético débese despregar a través dos seguintes elementos:
- Un comportamento consecuente cos valores persoais (académicos).
- Capacidade de autocrítica.
- Analizar o impacto social e ambiental das solucións científico-técnicas.
O sentimento ético é a capacidade para pensar e actuar segundo principios de carácter universal que se basean no valor da persoa e oriéntanse ao seu pleno desenvolvemento dentro da sociedade.
Esta competencia está presente en todas e cada unha das restantes competencias que configuran as competencias das titulacións. O seu carácter transversal é incuestionable.
A capacidade crítica e autocrítica é o comportamento que cuestiona as cousas e interésase polos fundamentos nos que se asintan as ideas, accións e xuízos, tanto alleos como propios.
Niveis de desempeño
O desempeño dos elementos desta competencia pode describirse a través de tres niveis:
- Nivel 1: utilizar e respetar os códigos de boas prácticas do entorno universitario relacionados coa titulación/profesión
- Nivel 2: actuar de acordo aos códigos de boas prácticas e deontolóxicos.
- Nivel 3: propoñer estratexias de actuación enmarcadas nos códigos éticos en contornas universitarias/profesionais