Avaliación por compensación

Enténdese como avaliación por compensación o mecanismo polo que se avalía no seu conxunto a traxectoria académica e o labor realizado polo estudantado ao final dos seus estudos para determinar se acadou os coñecementos e competencias suficientes para obter a titulación académica á que opta, compensando materias que non teña superadas.

Requisitos para admitir a trámite as solicitudes

Poderá solicitar a avaliación por compensación o estudantado de grao que cumpra os seguintes requisitos:

  1. Que cando menos o 50% dos créditos da titulación fosen cursados na Universidade de Vigo.
  2. Que resten para graduarse un máximo de dúas materias que non superen entrambas os 12 créditos, agás o TFG.
  3. Que o/a estudante esgotase na(s) materia(s) na(s) que solicita a avaliación por compensación cando menos catro oportunidades de avaliación nos tres últimos cursos, e terse presentado nalgunha das oportunidades dispoñibles no curso académico en que se solicite (agás que xa non teña a posibilidade de presentarse por estar matriculado/a nun plan de estudos en proceso de extinción).
  4. Que a cualificación obtida non fose inferior a 2 ou non avaliado en ningunha das catro oportunidades.

Limitacións na avaliación por compensación

  1. Non serán obxecto de compensación o traballo de fin de grao, as prácticas e o prácticum, nin materias do curso de adaptación ao grao (curso ponte).
  2. O número máximo de créditos que se poderá conceder por avaliación por compensación na vida académica do alumnado será de 12.
  3. Non se lle poderá conceder a avaliación por compensación a un estudante que non estea matriculado na(s) materia(s) a compensar no momento de solicitar a avaliación por compensación, agás que a(s) materia(s) estea(n) totalmente extinguida(s).
  4. As materias compensadas non poderán ser obxecto de recoñecemento noutras titulacións da Universidade de Vigo, nin entre graos que formen parte de programas académicos de simultaneidade de dobres titulacións con itinerario específico (PCEO). Neste caso soamente se poderá solicitar a avaliación por compensación en materias dunha titulación que non teñan recoñecemento na outra titulación que forma parte do plan conxunto.
  5. Non se lle poderá conceder a avaliación por compensación a un/unha estudante ao/á que lle conste algunha sanción grave no seu expediente académico.

Criterios da avaliación por compensación

Concederase de xeito automático o apto por compensación da(s) materia(s) solicitada(s) tras a constatación do cumprimento de todos os requisitos para admitir a trámite as solicitudes e das limitacións establecidas, e sempre que o/a estudante se atope en polo menos un dos seguintes supostos:

  1. Que obtivese polo menos unha vez unha cualificación igual ou superior a 4 ou unha media superior a 3,5 entre as dúas mellores cualificacións na(s) materia(s) a compensar.
  2. Que a media do seu expediente sexa igual ou superior á nota media da súa titulación na última promoción con dereito a docencia.

No caso de que o/a solicitante non se atope en ningún destes supostos pero reúna todos e cada un dos requisitos necesarios, a solicitude será admitida a trámite para que a valore a comisión de compensación.

En ningún caso se lle poderán realizar probas de avaliación ao estudantado solicitante.

Comisión por compensación

A Escola conta cunha comisión por compensación por titulación que está composta por:

  • Director/a ou persoa coordinadora da titulación na que delegue, que a presidirá.
  • Tres vogais e tres suplentes pertencentes ao profesorado da titulación. Deberán estar representadas as diferentes áreas de coñecemento que teñan asignada docencia na titulación.
  • Un ou unha vogal e suplente que representen o estudantado na xunta do centro correspondente.

Non poderá formar parte da comisión o profesorado que interviñese na corrección ou avaliación da materia que se solicita compensar. De ser o caso, este deberá ser substituído por outro/a docente designado polo centro.

Presentación de solicitudes e procedemento

A solicitude de avaliación por compensación irá dirixida, por medio dunha instancia da/do estudante, ao órgano de dirección do centro de adscrición da materia. Esta poderá realizarse en cada período de avaliación dende a data de apertura de actas ata quince días hábiles despois do peche de entrega das mesmas.

O prazo máximo para resolver será dun mes, que comezará a contar a partir do día seguinte ao remate do prazo de presentación de solicitudes. O mes de agosto considerarase non hábil para os efectos desta resolución.

Cando non proceda a admisión dunha solicitude, o/a director/a acordará a inadmisión motivada desta e trasladaralle o acordo á/ao solicitante.

A comisión examinará todas as solicitudes admitidas a trámite que non sexan de resolución automática, segundo os criterios establecidos.

A avaliación por compensación figurará no expediente de cada estudante como «apto por compensación» sen cualificación numérica. Para os efectos de baremo do expediente, o «apto por compensación» terá a equivalencia de aprobado coa cualificación numérica de 5.

No caso dunha resolución desfavorable da solicitude, a persoa interesada poderá interpoñer un recurso de alzada ante a reitoría.