Descrición do programa académico
O PARS en Enxeñería en Tecnoloxías Industriais é un Programa académico con percorrido sucesivo en Mestrado en Enxeñería Industrial vía Grao en Enxeñería en Tecnoloxías Industriais.
Este programa pretende a flexibilización do acceso ao Mestrado en Enxeñería Industrial (MEI) dende o Grao en Enxeñería en Tecnoloxías Industriais (GETI), xa que permite encadear os estudos sen solución de continuidade. Desta forma, o alumnado pode comezar o Mestrado sen ter rematado o Grao. Esta flexibilidade pode reducir o tempo total para completar a formación de Grao máis Mestrado.
Competencias do programa académico
O alumnado que remate o programa terá acadado as competencias do Grao en Enxeñería en Tecnoloxías Industriais e as competencias do Mestrado en Enxeñería Industrial.
Ademais, este alumnado estará habilitado para o exercicio profesional como Enxeñeiro Industrial.
Perfil de ingreso recomendado
O perfil de ingreso recomendado no referido a habilidades, capacidades e coñecementos previos será o mesmo que o recomendado para o Grao en Enxeñería en Tecnoloxías Industriais.
O acceso ao PARS en Enxeñería Industrial, realízase a través dunha oferta de prazas específica, tal e como aparece no artigo 7 da normativa PARS da Universidade de Vigo. O número de prazas específicas ofertadas para este Programa é de 10.
Tal e como indica o RD822/2021 na disposición adicional novena, o alumnado que opte por matricularse neste PARS poderá abandonalo en calquera momento dos seus estudos de Grao ou Mestrado.
Na admisión ao Mestrado en Enxeñería Industrial, garantirase a prioridade na matrícula do alumnado que dispoña do título oficial de Grao, indistintamente de se están a cursar, ou non, o PARS.
No caso de ter máis solicitudes que prazas, a Comisión Académica do Mestrado resolverá seguindo a prelación indicada no artigo 7 normativa PARS da Universidade de Vigo.
Tal e como establece o RD 822/2021, o alumnado do PARS pode ser admitido no Mestrado en Enxeñería Industrial se lle restan por superar, como moito, 30 créditos do Grao en Enxeñería en Tecnoloxías Industriais (incluíndo o TFG).
Estes 30 créditos ECTS non poderán ser ningún dos etiquetados no plan de estudos do GETI como:
- Formación Básica e ampliación de Formación Básica (FB e AFB).
- Rama Industrial e ampliación de Rama Industrial (RI e ARI).
Polo tanto, poderán formar parte deses 30 créditos ECTS:
- Calquera das materias optativas de 4º curso do GETI. Segundo o plan de estudos, poden ser 6 créditos ECTS escollidos entre as materias optativas de titulación (OT), as optativas xerais (OG) ou as prácticas en empresa (PE).
- O Traballo Fin de Grao (TFG) (12 créditos ECTS).
- Calquera das materias do módulo de Tecnoloxía Especifica de 3º e 4º curso recollidas na seguinte táboa:
Curso | Materia | Créditos ECTS |
3 | ELECTROTECNIA APLICADA | 6 |
3 | ENXEÑERÍA DE MATERIAIS | 6 |
3 | TURBOMÁQUINAS HIDRÁULICAS | 6 |
3 | DESEÑO E ENSAIO DE MÁQUINAS | 6 |
3 | ENXEÑERÍA DE FABRICACIÓN | 6 |
4 | INSTRUMENTACIÓN ELECTRÓNICA | 6 |
4 | SISTEMAS ELÉCTRICOS | 6 |
4 | CONTROL E AUTOMATIZACIÓN INDUSTRIAL | 6 |