Grao en Enxeñería da Automoción con mención dual

240 Créditos
4 Cursos
20 Prazas
Dual. 48 ECTS en empresa
Grao Automoción Grao Automoción

 

O Grao en Enxeñería da Automoción con Mención Dual atópase en proceso de acreditación, de acordo co protocolo de avaliación para a verificación de títulos oficiais elaborado por la Rede Española de Axencias de Calidade Universitaria, co fin de que poida implantarse no curso 2024/25 e convertirse no primeiro grao da Universidade de Vigo con esta mención.

Esta nova titulación nace para dar resposta ás novas demandas empresariais e do mercado laboral no sector da automoción, un sector estratéxico, dunha grande importancia para a nosa comunidade. O sector da automoción é un dos sectores tractores da economía de Galicia, que actúa como panca para a industrialización da comunidade e do conxunto do país, cun importante impacto no Producto Interior Bruto da nosa comunidade, non só pola súa innegable aportación á economía e ao emprego, senón tamén por ser un dos principais propulsores de investimento e desenvolvemento en termos de innovación, seguridade e protección do medio ambiente.

Descrición do título

A Enxeñería da Automoción é unha rama da enxeñería que se centra na aplicación dos principios, técnicas e métodos da enxeñería aos sistemas de automoción. Trátase, por tanto, dunha titulación interdisciplinar na que as técnicas da Enxeñería Industrial (enxeñería mecánica, enxeñería electrónica e automática, enxeñería química, enxeñería de organización,…) e da Enxeñería Informática, aplícanse a problemas relacionados coa fabricación, o comportamento dinámico, a aceleración, o freado, a loxística, a comodidade, a electrónica e o control automático de todos os sistemas relacionados co funcionamento e a produción de toda clase de vehículos. Ademais, os aspectos legais, o relativo a ferramentas de deseño, os provedores e todo aquilo relacionado co sector, debe ser coñecido polos enxeñeiros de automoción.

A potencialidade dos coñecementos que se vertebran ao redor desta titulación abre unha ampla gama de posibilidades en diferentes ámbitos. Actividades relacionadas cos produtos e servizos da automoción, a súa concepción e deseño, fabricación, avaliación e certificación, comercialización, selección, instalación, mantemento e formación sobre a utilización de equipamentos son, entroutras, as posibles competencias profesionais relacionadas con esta titulación.

Esta titulación pretende dar resposta ás demandas empresariais e do mercado laboral.

Obxectivos

O título de Grao en Enxeñería da Automoción ten como obxectivo fundamental a formación do estudantado no campo profesional da enxeñería industrial que se configura ao redor do sector da automoción, incluíndo os diferentes coñecementos tanto no ámbito de procesos industriais como de produto, dentro deste campo. Por tanto, os obxectivos xerais do título son:

  • Proporcionar coñecementos e habilidades para desenvolver e aplicar ideas orixinais en contextos profesionais, formular e resolver problemas complexos, tomar decisións, traballar e comunicarse de forma efectiva en contornas novas e multidisciplinares dentro do ámbito da Enxeñería en Automoción.
  • Dotar da capacidade de integrar coñecementos, identificar responsabilidades e implicacións tanto éticas, sociais ou profesionais asociadas a situacións no ámbito da Enxeñería en Automoción, e formular xuízos informados considerando o impacto global, económico, ambiental e social.
  • Proporcionar a capacidade para liderar, organizar e planificar proxectos no sector industrial e a empresa, en xeral, da enxeñería, e en particular, do sector da industria da automoción, tanto no relativo á produción como do produto, e favorecer o desenvolvemento de habilidades de aprendizaxe que permitan actualizarse e adaptarse en contornas cambiantes.

Como medio para acadar os obxectivos xerais, esta titulación contempla os seguintes obxectivos específicos:

  • Dotar de coñecementos en fundamentos básicos de matemáticas aplicadas, física, química, estatística, expresión gráfica, e outros coñecementos necesarios para abordar a formación específica en materias do ámbito industrial en xeral, e do sector de automoción en particular.
  • Dotar de coñecementos no ámbito da rama industrial, presente noutras titulacións da enxeñería industrial, con aplicación neste caso á industrialización e ao sector de automoción, tanto no relativo ao proceso industrial e a produción, como ao desenvolvemento do produto.
  • Dotar de coñecementos de tecnoloxías específicas dentro do sector da industria da automoción.
  • Permitir involucrarse ao alumnado no seo dunha empresa do sector para o desenvolvemento de actividades propias do mesmo e poñer en práctica os coñecementos previos adquiridos, así como desenvolver outras competencias a través da súa participación en proxectos/actividades de dita empresa.

Resultados de aprendizaxe

Os resultados de aprendizaxe que se acadarán coa realización deste grao, estrutúranse en:

  • Coñecementos
  • Habilidades
  • Competencias

Pódense consultar neste apartado: Resultados de aprendizaxe do Grao en Enxeñería da Automoción.

Perfil de ingreso recomendado

O perfil de ingreso no referido a habilidades, capacidades e coñecementos previos será o do estudante que superase o bacharelato na rama tecnolóxica. Máis en concreto, considérase que son desexables as seguintes cualidades dentro do alumnado:

  • Coñecementos básicos sobre matemáticas, física, química, expresión gráfica e informática.
  • Capacidade plena para a lectura, reflexión e comunicación oral e escrita.
  • Coñecementos dunha lingua estranxeira (preferentemente inglés).
  • Inquietude, curiosidade e iniciativa propia.
  • Capacidade de traballo en grupo.
  • Interese pola titulación e pola profesión para a que capacita.

Saídas profesionais

O Grao en Enxeñería da Automoción achegará aos egresados a formación necesaria para que sexan capaces de realizar, entroutras, as seguintes actividades e funcións:

  • Capacidade para desenvolver actividades relacionadas coa concepción, deseño, elaboración, análise e mantemento de sistemas e compoñentes incorporados aos automóbiles.
  • Desenvolver solucións que dean resposta aos problemas de mobilidade que se presentan nas sociedades modernas, sempre baixo principios de eficiencia e sustentabilidade.
  • Ter a capacidade para mellorar o produto e levar a cabo reenxería de procesos.
  • Capacidade para organizar e controlar a produción en planta, control de calidade e loxística.
  • Ser capaces de aplicar os regulamentos e o cumprimento da normativa no sector do automóbil.
  • Ademais, a formación adquirida tamén permitirá aos egresados do título levar a cabo actividades relacionadas co proxecto, cálculo, deseño, análise, construción, posta en marcha e operación de equipos e instalacións dentro do campo da industria en xeral e, en particular, da industria da automoción.
  • Por outra banda, tamén estarán capacitados para liderar e dirixir proxectos en contornas multidisciplinares.

Documentos e enlaces

Memoria Grao Enxeñería da Automoción
Plan de estudos
Guías Docentes