Grao en Enxeñería en Química Industrial

240 Créditos
4 Cursos
50 Prazas
Presencial
tec_01 tec_02

Descrición do título

O Grao en Enxeñaría en Química Industrial proporciona unha formación asentada nas bases teóricas e nas tecnoloxías propias deste ámbito.

Os graduados en Enxeñaría en Química Industrial ocúpanse do deseño, mantemento e operación de equipos de proceso químico, polo que estudan o control e instrumentación dos procesos químicos, experimentan sobre substancias orgánicas e inorgánicas, transmisión de calor, transferencia de materia, fluxo de fluídos e enxeñaría da reacción química. Así mesmo, estudan o aproveitamento de materias primas, química de produtos naturais, analizan os procesos de fabricación, a contaminación ambiental e a seguridade e hixiene industrial. Estes graduados, por tanto, desempeñan a súa actividade profesional especialmente en industrias nas que se desenvolven procesos químicos, tales como a do petróleo, papel, electricidade, electrónica e do gas, así como no sector do medio ambiente e as administracións públicas. Tamén poden dedicarse á docencia e a investigación.

Obxectivos

  • Deseñar, implantar, modificar, controlar, optimizar, organizar e xestionar equipos, operacións de planta, plantas e produtos na área da industria química e de proceso coa calidade requirida e menor custo de produción, nun ámbito sostible ambientalmente desde o punto de vista da enerxía, materiais, produtos e residuos.
  • Proporcionar un primeiro ciclo que sexa recoñecido polo resto das institucións europeas como un estándar que permita acceder automaticamente aos mestrados de enxeñaría.
  • Formar profesionais capaces de dar resposta ás necesidades reais da sociedade no ámbito das industrias de proceso, no sentido máis amplo, entre as que se inclúen a industria química e petroquímica, farmacéutica, alimentaria, téxtil, ambiental e outras afíns, ademais de poder estar presente nas administracións públicas nas áreas de intervención relacionadas coa industria, medio, educación e ciencia e tecnoloxía; todo iso en harmonía coas organizacións profesionais e empresariais e de acordo coas atribucións profesionais recoñecidas pola lexislación vixente.

Competencias da titulación

Titulación habilitante para o desempeño da profesión de enxeñeiro técnico.

As competencias que os estudantes deben adquirir, e que son necesarias para outorgar o título, definíronse de acordo co establecido na Orde CIN/351/2009, de 9 de febreiro, pola que se establecen os requisitos para a verificación dos títulos universitarios oficiais que habiliten para o exercicio da profesión de Enxeñeiro Técnico Industrial.

O perfil profesional do enxeñeiro actual é dinámico e terá  que desenvolver actividades moi diversas ao longo da súa vida profesional. Por este motivo é conveniente que dispoña dunha boa formación básica e transversal, ademais daquelas outras competencias específicas que confiren ao estudante o perfil da titulación.

Pódense consultar neste apartado: Competencias Grao Enxeñería Química Industrial.

Perfil de ingreso recomendado

O perfil de ingreso recomendado no referido a habilidades, capacidades e coñecementos previos será o do alumno que superase o bacharelato na rama tecnolóxica. Máis en concreto, considérase que son desexables as seguintes calidades dentro do alumnado:

  • Coñecementos básicos sobre matemáticas, física, química, expresión gráfica e informática
  • Capacidade plena para a lectura, reflexión e comunicación oral e escrita
  • Coñecementos dunha lingua estranxeira (preferentemente inglés)
  • Inquietude, curiosidade e iniciativa propia
  • Capacidade de traballo en grupo
  • Interese pola titulación e pola profesión para a que capacita

Saídas profesionais

Este grao capacita ao alumnado egresado para exercer a súa actividade profesional no eido da industria química e de proceso, así como en sectores afíns como o enerxético, biotecnolóxico ou ambiental:

  • Optimización e control de procesos:
    • Control e optimización dos procesos da industria química
    • Xestión e optimización de operacións da industria de proceso
  • Biotecnoloxía e Tecnoloxía Electroquímica:
    • Deseño e control de biorreactores
    • Aplicacións industriais da Biotecnoloxía: recuperación de produtos naturais, fermentacións industriais, etc.
    • Aplicacións tecnolóxicas da Electroquímica: tratamento de superficies, baterías e pilas de combustible, proteción de materiais, etc
  • Tecnoloxía medioambiental:
    • Xestión e tratamento de efluentes urbanos e industriais
    • Xestión, valorización e tratamento de residuos
    • Produción de biocombustibles líquidos e gasosos
    • Redución e tratamento de emisións gasosas (captura de CO2)