Mestrado en Enxeñería Biomédica

120 Créditos
2 Cursos
20 Prazas
Presencial
Hospital Alvaro Cunqueiro  dispositivos biomédicos

Contacto

Área académica

David Monroy Soage
Tel: (+34) 986 818 627
e-mail: eei.master@uvigo.gal

Coordinador

Juan Mª Pou Saracho

Descrición do título

Co Mestrado en Enxeñería Biomédica búscase afianzar e potenciar os estudos do Grao en Enxeñería Biomédica, aportando ao alumnado unha formación de amplo espectro, que responda ás necesidades de dispoñer de persoal técnico de alta cualificación para deseñar e aplicar novas e avanzadas tecnoloxías no ámbito sanitario, e completar así unha formación que abrangue todas as etapas e aspectos relacionados coas tecnoloxías e produtos sanitarios.

Impártese en colaboración co Complexo Hospitalario Universitario de Vigo, cunha parte da formación nas súas instalacións. Este deseño dunha formación dual responde ás novas esixencias dunha formación que combine docencia nos centros universitarios con aquela outra a desenvolver polos profesionais do sector sanitario, combinando así unha formación técnica-científica e práctica tecnolóxica, cunha formación adecuada nas disciplinas básicas da medicina, que permita aos titulados deste mestrado solucionar calquera problema concreto de enxeñería que se plantexe no ámbito sanitario

Consta dun total de 120 ECTS, repartidos nos seguintes módulos, prácticas externas e un Traballo Fin de Mestrado:

  • Módulo Troncal (63 créditos ECTS)
  • Módulo I materias optativas (optativas I ) (13,5 créditos ECTS)
  • Módulo II materias optativas (optativas II ) (13,5 créditos ECTS)
  • Prácticas externas (6 créditos ECTS)
  • Traballo Fin de Mestrado (24 créditos ECTS)

Obxectivos

  • Formación avanzada e a preparación para o desempeño profesional no desenvolvemento e aplicación da Enxeñería Biomédica en todas as actividades que o demanden.
  • Proporcionar coñecementos e habilidades para desenvolver e aplicar ideas orixinais en contextos profesionais e de investigación, formular e resolver problemas complexos, tomar decisións, traballar e comunicarse de forma efectiva en contornas novas e multidisciplinares dentro do ámbito da Enxeñería Biomédica.
  • Dotar da capacidade de integrar coñecementos, identificar responsabilidades e implicacións tanto éticas, sociais ou profesionais asociadas a situacións no ámbito da Enxeñería Biomédica, e formular xuízos informados considerando o impacto global, económico, ambiental e social.
  • Proporcionar a capacidade para liderar, organizar e planificar proxectos na empresa e outras institucións dentro do ámbito das tecnoloxías socio-sanitarias, e favorecer o desenvolvemento de habilidades de aprendizaxe que permitan actualizarse e adaptarse en contornas cambiantes.
  • Dotar da capacidade de deseñar, modelizar matematicamente, simular, implementar e xestionar experimentos, sistemas e procesos complexos no ámbito da enxeñería biomédica.
  • Dotar do coñecemento e capacidades para o deseño e análise de sistemas, sensores e técnicas para diagnóstico, terapia e monitoraxe, capacidade para aplicar os principios de xeración de radiación, para empregar de forma efectiva a instrumentación e os métodos de observación, e analizar e interpretar os sinais e as imaxes do ámbito da biomedicina.
  • Dotar da capacidade de desenvolver modelos biomecánicos do sistema musculoesquelético, coñecemento de enxeñería de tecidos e capacidades para a análise, manexo e deseño de biomateriais avanzados, capacidade da análise teórica e modelización dos aspectos mecánicos dos fluídos biolóxicos, e capacidades para a aplicación dos principios da electroquímica no ámbito biomédico.
  • Dotar da capacidade de xestionar e auditar o desenvolvemento, a produción e a calidade dos produtos sanitarios e da capacidade para identificar as necesidades na organización e xestión de servizos de enxeñería clínica nos centros sanitarios.

Competencias da titulación

Os estudantes deben adquirir estas competencias que son necesarias para outorgar o título.

Pódense consultar neste apartado: Competencias MEB.

Perfil de acceso

O perfil de ingreso recomendado é o de Graduados en Enxeñería Biomédica.

O Grao en Enxeñería Biomédica pola Universidade de Vigo é o título universitario oficial que se usou como referente para o deseño do plan de estudos do Máster Universitario en Enxeñería Biomédica, coma unha continuación natural para ampliar a súa formación en dito ámbito. Por conseguinte, este considérase como o Grao de referencia e os seus graduados/as, de acordo cos criterios de valoración de méritos establecidos, serán admitidos, no seu caso, sen complementos formativos ao citado mestrado.

Debido ao carácter interdisciplinar do mestrado, como se recolle no seu ámbito de coñecemento, é importante que o perfil de ingreso presente unha formación básica característica de calquera enxeñería: Física, Química, Matemáticas, Estatística, Informática, … De igual maneira, é importante que tamén presenten coñecementos tanto en contidos tecnolóxicos como os relacionados coa parte da Ciencia Biomédica: Fundamentos de electrónica para biomédica, Fundamentos de electricidade, Sistemas mecánicos, Ciencia e Enxeñería de materiais, Bioquímica e Bioloxía celular, Fisioloxía xeral, Estrutura e Patoloxía médica e Estrutura e Patoloxía médico cirúrxica, Bioestatística, …

Ademais do anterior, considerarase requisito preferente para a admisión a acreditación do nivel B1 en lingua inglesa.

Por tanto, de acordo cos criterios de valoración de méritos establecidos no seguinte apartado, serán admitidos, no seu caso, sen complementos formativos os graduados en Enxeñería Biomédica provenientes de calquera universidade española/estranxeira que se axusten ás características anteriormente indicadas, sempre tomando como referencia o grao en Enxeñería Biomédica da Universidade de Vigo.

Para o resto de solicitantes en posesión dun grao en Enxeñería Biomédica que cumpran os requisitos de acceso, pero que o seu perfil non se axuste ao plan de estudos de referencia, a Comisión Académica do Mestrado, unha vez analizados os plans de estudos, establecerá os complementos formativos que deberán cursar.

As solicitudes de admisión ao Mestrado en Enxeñería Biomédica que cumpran as condicións de acceso e os requisitos específicos de admisión serán avaliadas pola Comisión Académica do Mestrado de conformidade coa seguinte fórmula: nota media expediente alumno/nota media do seu grao.