Grao en Enxeñería en Electrónica Industrial e Automática

240 Créditos
4 Cursos
66 Prazas
Presencial
EUR-ACE tec_02

Descrición do título

O interese da titulación vén determinado polas características das dúas materias básicas que a constitúen: Automática e Electrónica Industrial. Estas materias impulsaron un cambio importante na actividade económica debido á maior presenza da automatización e intelixencia en procesos e produtos, cada vez máis complexos, soportándose na informática e as comunicacións. Hoxe en día non se pode concibir unha liña de produción sen un elevado grao de automatización e unha xestión da información, informatizada e integrada en varios niveis.

Doutra banda, a humanidade está a asistir á extinción dos combustibles fósiles e estanse realizando fortes investimentos na investigación e desenvolvemento de fontes con novas formas de enerxía. As novas técnicas de conversión no campo da electrónica de potencia ocupan un papel decisivo.

Os produtos e sistemas actuais tenden cara a unha maior funcionalidade e precisión, baseada na integración de compoñentes informáticos, sensores e da microelectrónica. Este é o campo de actuación do grao en Enxeñaría en Electrónica Industrial e Automática, e implica, unhas competencias profesionais que outras titulacións non poden cubrir.

Obxectivos
  • Responder ás necesidades do tecido socio-laboral no ámbito tecnolóxico da electrónica industrial e a automática. Os/As titulados/as poderán aplicar os seus coñecementos ao deseño, desenvolvemento e mantemento de circuítos electrónicos e sistemas automáticos en procesos e produtos industriais.
  • Aplicar os coñecementos adquiridos en ámbitos tan afastados da industria como poden ser a medicina, a agricultura, os procesos de distribución de mercadorías, en sistemas de xestión de tráfico, en produción e distribución de enerxía, tecnoloxía espacial, aviónica etc.
Competencias da titulación

Titulación habilitante para o desempeño da profesión de enxeñeiro técnico.

As competencias que os estudantes deben adquirir, e que son necesarias para outorgar o título, definíronse de acordo co establecido na Orde CIN/351/2009, de 9 de febreiro, pola que se establecen os requisitos para a verificación dos títulos universitarios oficiais que habiliten para o exercicio da profesión de Enxeñeiro Técnico Industrial.

O perfil profesional do enxeñeiro actual é dinámico e terá  que desenvolver actividades moi diversas ao longo da súa vida profesional. Por este motivo é conveniente que dispoña dunha boa formación básica e transversal, ademais daquelas outras competencias específicas que confiren ao estudante o perfil da titulación.

Pódense consultar neste apartado: Competencias Grao Electrónica Industrial e Automática.

Perfil de ingreso recomendado

Considérase un perfil de ingreso o referido a coñecementos, habilidades e capacidades de partida dun nivel de bacharelato. En concreto, as características persoais (sensibilidades, aptitudes, capacidades específicas…) e académicas daquelas persoas que se consideran máis axeitadas para iniciar os estudos de Grao en Enxeñaría Electrónica Industrial e Automática son as seguintes:

  • Coñecementos básicos sobre física, química e matemáticas…
  • Inquietude e curiosidade sobre o mundo da ciencia e a tecnoloxía en todos os seus ámbitos, e en especial no relacionado ao ámbito da titulación.
  • Capacidades para a expresión oral e escrita e para a comprensión lectora.
  • Habilidades sociais básicas para o traballo en equipo.
  • Capacidade de abstracción, análise, síntese, razoamento lóxico.
  • Capacidade de percepción e atención.
  • Sentido da organización e o método.
  • Sentido práctico e visión espacial.
Saídas profesionais
  • Deseño, análise, integración e mantemento de sistemas e equipamentos electrónicos e instalacións industriais automatizadas e automatización de maquinaria.
  • Xestión e organización comercial de empresas de produtos e sistemas electrónicos e/ou automáticos e/ou informáticos.
  • Dirección e xestión de proxectos de I+D en: automatización, comunicacións industriais, transporte (ferrocarril, aviónica, automoción), enerxías renovables, e sistemas electrónicos e automatizados en medicina e domótica.
  • Informática industrial, programación de robots e de autómatas programables e sistemas electrónicos programables en xeral.