Diary

  • Thu
    21
    Nov
    2024
    15:30

    Aula de Grao da Escola de Enxeñería Industrial - Sede Campus.
         

    O xoves 21 de novembro de 2024, de 15:30 a 17:00 horas, terá lugar este seminario que ten como obxectivo introducir ao alumnado no eido da enxeñería forense, así coma en dar a coñecer as posibilidades e ofertas laborais desta disciplina en KPMG Asesores.
     
    Con este obradoiro terás a posibilidade de descubrir a enxeñería forense e coma os coñecementos técnicos e o control de proxectos son chave para resolver proxectos en construción e infraestruturas a nivel internacional.
     
    O seminario será impartido por D. Carlos Seoane Dopazo (Adv. Director Forensic, KPMG Asesores, S.L.).
     
    Aqueles estudantes que estean interesados en asistir deberán apuntarse neste formulario de inscrición .
     
    O número de prazas é limitado polo que a selección realizarase por orde de inscrición.
     
    A data límite para realizar a inscrición será o martes 19 de novembro de 2024, ás 12:00 horas.

  • Wed
    20
    Nov
    2024
    15:45

    Salón de Actos da Escola de Enxeñería Industrial - Sede Campus.
         

    O mércores 20 de novembro de 2024 terá lugar a xornada de presentación dos proxectos STEMbach do bienio 2024-2026.
     
    STEMbach é un Bacharelato de Excelencia en Ciencias e Tecnoloxía creado ao amparo da Estratexia Galega de Educación Dixital EDUDixital 2020 da Xunta de Galicia.
     
    Ten como obxectivo favorecer a adquisición das competencias chave para o século XXI, tanto as transversais, como as máis propiamente vinculadas ao ámbito STEM (ciencia, tecnoloxía, enxeñería e matemática), sempre desde unha perspectiva ampla, non circunscrita a estas materias, senón transversal e en colaboración cos diversos sectores e axentes sociais.
     
    STEMbach está pensado tanto para as modalidades de ciencias e tecnoloxía como para as humanidades, as ciencias sociais e as artes e pretende promover as vocacións do alumnado nestes eidos mediante a investigación científica e tecnolóxica que permita unha conexión directa co ensino universitario para o fomento do coñecemento.
     
    A Vicerreitoría de Estudantes e Empregabilidade asume a coordinación do STEMbach na Universidade de Vigo.
     
    A Escola de Enxeñería Industrial oferta diversos proxectos de investigación en colaboración con centros de educación secundaria da comunidade autónoma de Galicia, no marco deste programa. Podes consultar máis información sobre estes proxectos na seguinte ligazón, https://www.uvigo.gal/enxenaria-industrial-sociedade.
     
    A coordinadora STEMbach da nosa Escola é Xanel Vecino Bello, subdirectora de Alumnado e Relacións Institucionais - eei.alumnado@uvigo.gal.

     
    O programa previsto para esta xornada é o seguinte:

     

    • 15:45 horas - recepción aos asistentes.
    • 16:00 a 16:10 horas - presentación: Benvida do director da EEI.
    • 16:10-16:30 horas - programa STEMbach e oferta formativa da EEI.
    • 16:30-16:45 horas - explorando a EEI.
    • 16:45-17:45 horas - reunión dos proxectos STEMbach - bienio 2024/2026.
  • Thu
    07
    Nov
    2024
    11:30

    Terá lugar no Salón de Actos da Escola de Enxeñería Industrial - Sede Campus.
        

    A Asociación Española de Robótica e Automatización (AER Automation) organiza este evento que será un espazo clave para o diálogo e a innovación no sector da robótica e a automatización, así como unha toma de contacto imprescindible co mundo académico.
     
    O encontro contará coa presenza do alcalde de Vigo, Abel Caballero, do reitor da Universidade de Vigo, Manuel Joaquín Reigosa Roger, e do Delegado Especial do Estado no Consorcio da Zona Franca de Vigo, David Regades Fernández.
     
    Como convidada especial, asistirá a Dra. Susanne Bieller, secretaria xeral da Federación Internacional de Robótica (IFR). A benvida oficial correrá a cargo do presidente de AER Automation, Carlos Méndez.
     
    Programa da AER 6th Summit 

    A xornada comezará ás 11:30 horas coa recepción aos asistentes.
     
    Ás 12:00 horas terá lugar a mesa redonda “Mellorando a competitividade da industria galega a través da innovación de impacto”, que contará coa presenza de destacadas líderes do sector, como: 

    • Dª Patricia Moreira, Presidenta de CEAGA.
    • Dª Consuelo Domínguez, Plant Director de GKN Driveline Vigo.
    • Dª Josefina Alonso, Directora de Operacións de DIHGIGAL.
    • Dª Ana Paul, Directora de Innovación Tecnolóxica de CTAG.

     
    A mesa estará moderada por Mar Masulli, cofundadora e CEO de BitMetrics, membro da Xunta Directiva de AER Automation e TOP10 WOMEN by IFR. Doutra banda, o proxecto Moongirl, unha iniciativa lanzada por AER Automation en 2023 para visibilizar o papel da muller na industria, tamén terá un papel destacado neste debate.
     
    A partir das 15:00 horas, os Pitch Clubs ofrecerán unha oportunidade única para os alumnos da Escola de Enxeñería Industrial da Universidade de Vigo de presentar os seus proxectos innovadores. Entre os equipos participantes inclúense CES UVigo, UVigo SpaceLab, UVigo Motorsport e UVigo Aerotech.
     
    O evento continuará coa apertura institucional do Summit ás 16:00 horas, onde Alfonso Muñoz, Responsable de Desenvolvemento de Negocio e Xestión de Proxectos da asociación, actuará como mestre de cerimonias e coordinará a intervención dos Grupos de Traballo e Comisións de AER Automation, que se producirá ás 16:30 horas.
     
    De 17:00 a 18:30 horas terá lugar o debate titulado “Tecnoloxía e Humanismo: o desafío da nova era”. Este debate reunirá a Javier G. Recuenco, enxeñeiro e fundador de Singular Solving, e a Jordi Vallverdú, músico e doutor en Filosofía pola Universidade Autónoma de Barcelona (UAB), nunha conversación moderada polo xornalista Aureli Vázquez.
     
    O evento finalizará cunha sesión de Networking de 18:30 a 19:00 horas e unha cea de gala no hotel Pazo Os escudos a partir das 21:00 horas.