Renovación da acreditación ABET do Mestrado en Enxeñería Industrial
O Mestrado en Enxeñería Industrial da nosa Escola iniciou o procedemento para a renovación da acreditación ABET, que culminará neste mes de outubro coa visita que nos fará do 22 ao 24 unha representación desta organización.
ABET é unha organización sen ánimo de lucro, formada por asociacións profesionais e técnicas, acreditadora de estudos universitarios no ámbito das ciencias aplicadas, a informática, a enxeñería e a tecnoloxía. Está considerada como a máis importante en todo o mundo en enxeñerías e supón a garantía de que os estudos en cuestión cumpren amplamente co requirido polas respectivas profesións. Durante case 80 anos, ABET estableceu os estándares de ensino superior no seu ámbito de actuación. Por ese motivo, moitas das institucións de educación superior de primeiro nivel aspiran a alcanzar o seu selo de excelencia.
Ademais de proporcionar ás institucións de educación superior un mecanismo estruturado para analizar, avaliar e mellorar as súas titulacións, a acreditación ABET serve tamén aos estudantes, xa que lles axuda a elixir os mellores programas e aos empregadores, porque lles permite identificar os graduados que están ben preparados. Os estudantes que se gradúan en titulacións acreditados por ABET teñen mellores oportunidades de emprego e de mobilidade global.
Con esta renovación, a nosa Escola amosa o seu compromiso coa educación de calidade e leva a cabo un dos seus obxectivos prioritarios de acreditar as súas ensinanzas de mestrado a través das mellores axencias de dentro e fóra de España.
A renovación deste selo de calidade permitirá á EEI seguir mellorando a súa posición nos rankings internacionais, o que suporá un valor engadido para que o cursen alumnos non só da nosa Escola senón tamén do exterior, mellorando a súa visibilidade no exterior.
Para máis información consultar a ligazón: http://www.abet.org.