Máis dun século formando profesionais para modernizar e transformar a sociedade
A historia da Escola de Enxeñería Industrial é tamén a historia do desenvolvemento industrial de Vigo e de Galicia. Ao longo de máis de cen anos, as institucións que deron lugar á actual EEI contribuíron á formación de xeracións de profesionais que participaron activamente no desenvolvemento económico, industrial e tecnolóxico da nosa contorna.
Ao longo da súa historia, as escolas de industriais de Vigo acompañaron a evolución dos principais sectores económicos da contorna e contribuíron ao desenvolvemento industrial, tecnolóxico e empresarial da cidade e de Galicia.
A actual Escola é herdeira do legado da Escola de Artes e Oficios, da Escola de Artes e Industrias, da Escola Universitaria de Enxeñería Técnica Industrial e da Escola Técnica Superior de Enxeñeiros Industriais. Froito desta evolución e da integración das súas escolas históricas, a EEI constitúe hoxe un centro de referencia na formación, na investigación e na transferencia de coñecemento, sendo a maior Escola de Enxeñería do Noroeste Peninsular.
Este legado construído ao longo de máis dun século é o que se conmemora e celebra durante o curso académico 2026-2027. Unha oportunidade para lembrar o noso pasado, recoñecer ás persoas que contribuíron á nosa historia e proxectar o futuro da enxeñería industrial. Tamén un recoñecemento aós milleiros de persoas tituladas que pasaron polas aulas levando o prestixio a todos os lugares do mundo.
Principais fitos da nosa historia
Un ano clave para os estudos de industrias
A creación da Escola de Artes e Industrias marcou o inicio dunha tradición formativa que convertería Vigo nun referente do ensino no ámbito tecnolóxico e industrial.
Un proxecto de futuro para a cidade
O proxecto da Universidade Industrial de Vigo reflectiu a vontade dunha cidade en plena transformación de dotarse das infraestruturas educativas necesarias para acompañar o seu crecemento industrial.
A integración universitaria
A incorporación á Universidade de Santiago consolidou o papel da Escola como referente das ensinanzas técnicas en Galicia.
O inicio dos Estudos de Enxeñería Industrial
A implantación dos estudos de Enxeñería Industrial supuxo un paso decisivo para ampliar a oferta académica e fortalecer a formación de profesionais de alta cualificación.
O recoñecemento dunha traxectoria exemplar
As distincións recibidas por ambas institucións, A EUETI e a ETSEI, por parte do Concello de Vigo e a Xunta de Galicia, supuxeron un recoñecemento público ao seu labor formativo e a súa contribución ao desenvolvemento da cidade e de Galicia.
O nacemento da actual EEI
A fusión da EUETI e da ETSEI deu lugar á actual Escola de Enxeñería Industrial da Universidade de Vigo.
Consolidación e proxección internacional
Tras a creación da EEI en 2011, a Escola experimentou un importante proceso de consolidación académica e institucional, converténdose nun centro de referencia no ámbito da formación en enxeñería, a investigación, a innovación e a colaboración co tecido industrial e empresarial. Actualmente, a EEI é a maior Escola de Enxeñería do Noroeste Peninsular.
Curso conmemorativo 2026/27
O curso académico 2026-2027 representa unha ocasión excepcional para celebrar a historia da Escola de Enxeñería Industrial e recoñecer o legado das xeracións que contribuíron á construción dunha institución de referencia na formación tecnolóxica e industrial.
Neste ano conmemorativo cúmprense 125 anos da creación da Escola de Artes e Industrias de Vigo, orixe dos estudos industriais na cidade, e 50 anos do inicio dos estudos superiores de Enxeñería Industrial, que consolidaron Vigo como un dos principais centros de formación en enxeñería de Galicia.
Esta celebración pretende render homenaxe ao pasado, poñer en valor o patrimonio humano e académico da institución e proxectar unha mirada de futuro cara aos desafíos da industria, da sustentabilidade, da transformación dixital e da innovación tecnolóxica.
Con motivo desta conmemoración, a Escola promove diversas actividades institucionais, divulgativas, culturais e de reencontro dirixidas á comunidade universitaria, ás persoas tituladas, ás empresas colaboradoras e á sociedade en xeral.
Unha celebración para toda a comunidade EEI
Os actos conmemorativos buscan destacar non só os logros académicos da institución, senón tamén o valor das persoas que fixeron posible a súa evolución ao longo dos anos.
Esta celebración constitúe tamén unha homenaxe aos milleiros de persoas tituladas que se formaron nas aulas das distintas escolas de industriais de Vigo e que contribuíron, desde diferentes ámbitos profesionais e xeográficos, ao prestixio e proxección da institución.
Iniciativas destacadas
Espazo de Directores
Creado como homenaxe ás persoas que lideraron a Escola ao longo da súa historia, este novo espazo busca preservar a memoria institucional e recoñecer o compromiso de quen contribuíu ao seu desenvolvemento.

O Espazo reúne e expón por primeira vez unha parte significativa da memoria institucional da Escola, a través das persoas que dirixiron e lideraron os estudos de Enxeñería Industrial ao longo da súa historia.
Imaxe conmemorativa
A conmemoración conta cun logotipo e cunha escultura institucional deseñados especificamente para representar os valores, a historia e a identidade da Escola. Os deseños gañadores foron presentados durante o Acto do Patrón da Escola celebrado no ano 2026.

Logotipo: Dúas escolas, un futuro

Escultura: Legado en evolución
Reencontro da gran familia de Industriais
Un dos actos centrais do curso conmemorativo será o reencontro das distintas xeracións de estudantes, profesorado e profesionais vinculados ás escolas de industriais de Vigo.
Este encontro pretende fortalecer os vínculos entre promocións, compartir experiencias e celebrar unha historia común que se estende ao longo de máis dun século.
Martes 20 de outubro de 2026
A Escola abre as súas portas para viaxar no tempo: alumnado, profesorado e persoas egresadas percorren a escola dos primeiros anos, recuperan a moda de cada década e celebran xuntos medio século de historia, en directo dende o hall.
Sábado 24 de outubro de 2026
O gran reencontro na propia escola: promocións de todas as décadas, o profesorado que as formou e o tecido industrial e empresarial, con voces de recoñecido prestixio e espazos de networking que favorecerán a conexión entre o alumnado e as empresas.
Construíndo o futuro da enxeñería
Desde 1901, xeración tras xeración, as escolas de industriais de Vigo contribuíron á formación de profesionais comprometidos coa innovación, a industria e o progreso da sociedade.
Máis de cen anos despois da súa orixe, a Escola de Enxeñería Industrial continúa a formar profesionais comprometidos coa innovación, o coñecemento e o progreso da sociedade.
O curso 2026-2027 é máis que un curso conmemorativo. Ademais de render homenaxe a ese legado, constitúe unha invitación a seguir construíndo unha enxeñería baseada no coñecemento, na tecnoloxía e na innovación, pero sempre co foco posto nas persoas e na sociedade.
Porque a historia da EEI non fala só do camiño percorrido. Fala tamén do futuro que seguimos construíndo cada día, do compromiso da EEI co futuro da enxeñería, da universidade e da industria galega.




