A Escola de Enxeñería Industrial a través da súa Xunta de Titulación, baixo encargo da Xunta de Escola, aprobou unha proposta de 10 prazas para o Programa Conxunto de Estudos de Grao en Enxeñería Mecánica e de Grao en Enxeñería en Electrónica Industrial e Automática. Esta titulación baixo esta modalidade foi deseñada, fundamentalmente, baseándose nun criterio principal orientado a mellorar a formación e a empregabilidade dos universitarios. Polo tanto, o feito de combinar estas titulacións non é unha cuestión que busque como o máis atractivo obter dúas carreiras dun xeito máis doado pola súa secuenciación, senón os coñecementos e competencias de ámbolos ramos, o que amplifica os postos de traballo aos que se pode aspirar e fai do perfil do egresado un dos máis atractivos do mercado para as empresas pola súa especialización e, o mesmo tempo, por unha maior polivalencia. Así pois, co obxectivo de adaptarse ás novas necesidades do mercado laboral, o cal demanda, cada vez con máis frecuencia, titulados con competencias multidisciplinares, e tendo en conta que no ámbito da enxeñería un dos perfís máis solicitados polas empresas é o dun graduado con competencias específicas en mecánica e en electrónica e automática, xustifícase este Programa Conxunto.
Por outra banda, as esixencias que presenta o mercado laboral actual lévanos, cada vez máis, a que o alumnado teña a posibilidade de obter unha maior diferenciación que lle proporcione vantaxes de cara a obter un emprego. Un dobre grao achega aos alumnos moitas vantaxes á hora de atopar un posto de traballo. Por unha banda, manexa un maior número de áreas de coñecemento ás que poden dedicarse na súa carreira profesional e, sen dúbida, coa avantaxe dunha visión global que lle permite abordar problemáticas que non sería posible de forma independente con unha das titulacións por separado. Asemade, estudar baixo esta modalidade tamén revela unha gran motivación, a preocupación pola adquisición dun maior coñecemento para dar unha resposta adecuada aos problemas máis complexos e tamén a capacidade de contar con máis recursos á hora de resolver calquera tipo de situación, cubrindo un abanico moito máis amplo de necesidades nas empresas. Se ademais as áreas nas que se desenvolven estes programas conxuntos son áreas moi demandadas polas empresas, como é o caso destes programas, o desenvolvemento profesional vese altamente favorecido.
O interese do Programa Conxunto vén determinado polas características que presentan as dúas titulacións que a constitúen. Os contidos que se abordan nas mesmas impulsaron un cambio importante na actividade económica en xeral, debido á maior presenza da automatización e intelixencia en procesos e produtos, cada vez máis complexos, soportándose na informática e as comunicacións. Igualmente, desde o punto de vista dos produtos e sistemas, a tendencia é a dunha maior funcionalidade e precisión, baseada na integración de compoñentes, sensores e a introdución da microelectrónica. Por outra banda, tanto na sociedade moderna como nos sistemas produtivos actuais, a necesidade de especialización nas técnicas correspondentes aos sistemas mecánicos é cada vez maior. Os enxeñeiros mecánicos deseñan, melloran, producen e manteñen dispositivos e sistemas mecánicos, compoñentes, motores e instalacións industriais. No seu quefacer destacan actividades de gran relevancia económica para calquera país desenvolvido como son os sistemas de fabricación e produción industrial, o transporte, a maquinaria, a construción e instalacións industriais. En resumo, pódese dicir que a complementariedade e as sinerxías destas titulación son máis que evidentes. A enxeñería mecánica céntrase no deseño de máquinas, motores, mecanismos e sistemas mecánicos polo que está moi ligada aos sistemas de produción industrial. Por outra banda, o control e automatización dos devanditos sistemas para que sexan máis rápidos, seguros e eficientes corresponde ao ámbito da enxeñería electrónica industrial e automática. O Programa Conxunto en Enxeñería Mecánica e Enxeñería Electrónica Industrial e Automática proporciona a formación necesaria para exercer unha labor profesional en calquera das dúas áreas e, o que é máis importante, para executar tarefas de alta cualificación nas que sexa necesario integrar coñecementos profundos en ambos os campos. A innovación no sector industrial, o novo paradigma que define a chamada Industria 4.0, necesita a este tipo de profesionais. A combinación das especialidades de mecánica e electrónica industrial e automática dá como resultado un perfil moi buscado actualmente en moitas industrias.
Asemade, este Programa Conxunto permite adquirir un certo perfil profesional na liña do que se podería denominar enxeñería en Mecatrónica, e que está sendo moi demandado na industria. Se ben Mecatrónica é un concepto más amplo. Aínda así, a necesidade da integración entre os campos da enxeñería Mecánica e a enxeñería en Electrónica Industrial e Automática revélase hoxe en día como algo que é esencial para unha grande parte de empresas do sector industrial que, por o desenvolvemento tecnolóxico, vense obrigadas a dominar nos seus procesos de produción os coñecementos, entre outros, destes dous campos da enxeñería. Tendo en conta a contorna industrial na que desenvolven a actividade moitos titulados destes graos da Escola de Enxeñería Industrial, hai unha demanda crecente dun perfil polivalente que combine coñecementos de mecánica e de electrónica industrial é automática. Polo tanto, este Programa Conxunto permitira dar unha resposta as necesidades das diferentes industrias do tecido da nosa Comunidade.
Tamén é moi importante subliñar que os Programas Conxuntos de Estudos Oficiais do Grao ofertados nesta proposta permitirán ao alumnado que os cursen dispor dunha titulación adicional con atribucións profesionais (a nivel de Enxeñeiro Técnico Industrial en Electrónica Industrial e Automática ou Enxeñeiro Técnico Industrial en Mecánica), o que lles proporciona, nun primeiro momento, unha maior garantía para o seu desenvolvemento profesional futuro. Ademais, os graos en Enxeñería en Electrónica Industrial e Automática e Enxeñería Mecánica, que forman parte dos Programas Conxuntos, son titulacións con unha moi boa valoración no mercado e que contan con una longa traxectoria na Escola de Enxeñería Industrial da Universidade de Vigo. De feito, nos últimos anos estanse a recibir moitas solicitudes destes perfís e, desde a Escola de Enxeñería Industrial da Universidade de Vigo, considérase que está oferta é axeitada as necesidades reais.
Ademais, se a un alumno atráenlle mais dun campo de estudo, esta opción permite que non teña que elixir só un, e poida desenvolver así as súas aptitudes de maneira diversificada. Por outra banda, estudar contidos de dúas titulacións nas que o alumno pode ter un maior campo de aplicación dos contidos formativos recibidos a través do programa, sen dúbida, son un aliciente e unha motivación adicional.
Asemade, se temos en conta que unha porcentaxe dos estudantes que empezan a universidade amosan interese por máis dunha titulación, a vía dos programas conxuntos pode axudar a mellorar as opcións no acerto da elección ao estar comprendidas estas entre os programas da dobre titulación e non teñan por que decidir por calquera delas. É dicir, un programa conxunto pode axudar a facer una selección que encaixe mellor con aqueles estudantes que desexan abarcar varias cousas de forma conxunta e deste xeito non teñan porque decantarse por unha delas.