A Escola de Enxeñería Industrial, a través da súa Comisión Permanente, comisión delegada da Xunta de Escola, aprobou unha proposta de 6 prazas para o Programas Conxunto de Estudos de Grao en Enxeñería Biomédica e de Grao en Enxeñería en Electrónica Industrial e Automática. Estas titulacións dos programas conxuntos deseñáronse, fundamentalmente, baseándose nun criterio principal orientado a mellorar a formación e a empregabilidade dos universitarios. Polo tanto, o feito de combinar estas titulacións non é unha cuestión que busque como o máis atractivo obter dúas carreiras dun xeito máis doado pola súa secuenciación, senón os coñecementos e competencias de ámbolos ramos, o que amplifica os postos de traballo aos que se pode aspirar e fai do perfil do egresado un dos máis atractivos do mercado para as empresas pola súa especialización e, ao mesmo tempo, por unha maior polivalencia.
Ademais, no deseño do grao en Enxeñería Biomédica tivéronse en conta aqueles perfís profesionais cun maior interese para o alumnado atendendo as demandas destes profesionais nos vindeiros anos. Isto permitiu que os deseños dos Programas Conxuntos que se presentan puideran encaixarse en cinco ou seis cursos, dependendo das afinidades que presentan as orientacións de cada un dos graos que configuran o PCEO. É dicir, que o alumno ten toda a flexibilidade para escoller a combinación de orientacións que máis lle interese, e que se lle ofertan a través das titulacións de grao que configuran os programas conxuntos. En definitiva, o alumnado destes programas obtén as dúas titulacións nun tempo moi razoable, practicamente en un pouco máis da metade de tempo que se as cursase por separado, o que facilita unha inserción laboral que, ademais de ser rápida pola transversalidade que caracteriza a estes estudantes, prodúcese a unha idade máis temperá e permite crecer profesionalmente desde o momento de finalizar os estudos na universidade.
Por outra banda, as esixencias que presenta o mercado laboral actual lévanos, cada vez máis, a que o alumnado teña a posibilidade de obter unha maior diferenciación que lle proporcione vantaxes de cara a obter un emprego. Un dobre grao achega aos alumnos moitas vantaxes á hora de atopar un posto de traballo. Por unha banda, hai dúas áreas de coñecemento ás que poden dedicarse por separado, pero conservando á vez unha visión global. Asemade, estudar baixo esta modalidade tamén revela unha gran motivación, a preocupación pola adquisición dun maior coñecemento para dar unha resposta adecuada os problemas máis complexos e tamén a capacidade de contar con máis recursos á hora de resolver calquera tipo de situación, cubrindo un abanico moito máis amplo de necesidades nas empresas. Se ademais as áreas nas que se desenvolven estes programas conxuntos son áreas moi demandadas polas empresas, como é o caso destes programas, o desenvolvemento profesional vese altamente favorecido.
Tamén é moi importante subliñar que os Programas Conxuntos de Estudos Oficiais do Grao ofertados nesta proposta permitirán ao alumnado que os cursen dispor dunha titulación adicional con atribucións profesionais (a nivel de Enxeñeiro Técnico Industrial en Electrónica Industrial e Automática ou Enxeñeiro Técnico Industrial en Mecánica), o que lles proporciona, nun primeiro momento, unha maior garantía para o seu desenvolvemento profesional futuro. Ademais, os graos en Enxeñería en Electrónica Industrial e Automática e Enxeñería Mecánica, que forman parte dos Programas Conxuntos, son titulacións con unha moi boa valoración no mercado e que contan con una longa traxectoria na Escola de Enxeñería Industrial da Universidade de Vigo. De feito, nos últimos anos estanse a recibir moitas solicitudes destes perfís y, desde a Escola de Enxeñería Industrial da Universidade de Vigo, considérase que esta oferta é axeitada as necesidades reais. Por outra banda, o importante avance que experimentou o sector sanitario durante os últimos anos non sería posible sen a achega de novas e avanzadas tecnoloxías, que permitiron o desenvolvemento de novas solucións a problemas médicos e sociais relacionados con enfermidades e discapacidades, a análise da eficacia, efectividade e seguridade de tales solucións, e a xestión de recursos, sistemas de información e sistemas de comunicación ao contorna socio-sanitario. Respondendo ás necesidades de dispoñer de persoal técnico capacitado para aplicar estas novas tecnoloxías no ámbito sanitario, o Programas de Estudos Conxuntos do grao en Enxeñería Biomédica e do grao en Enxeñería en Electrónica Industrial e Automática amosa unha complementariedade que habilita aos titulados destes programas unha formación para afrontar mellor os desafíos dos vindeiros anos. O uso dos sensores nas medicións de parámetros para diagnosticar enfermidades, o emprego cada vez maior de dispositivos e instrumentación electrónica na diagnose e na aplicación de tratamentos, ao mesmo tempo que o emprego de novos materias, o deseño e fabricación de aparellos mecánicos que axuden a mobilidade daquelas persoas que sufran algunha discapacidade son, sen dúbida, elementos esenciais no desenvolvemento do sector sanitario.
Ademais, se a un alumno atráenlle máis dun campo de estudo, esta opción permite que non teña que elixir só un, e poida desenvolver así as súas aptitudes de maneira diversificada. Por outra banda, estudar contidos de dúas titulacións nas que o alumno pode ter un maior campo de aplicación dos contidos formativos recibidos a través do programa, sen dúbida, son un aliciente e unha motivación adicional. Para que se entenda esta cuestión, se un alumno que estudia a orientación de Enxeñería Biomédica no ámbito das sinais, da electro-medicina, instrumentación electrónica,… pode reforzar este contidos co outro grao, enriquece a formación do alumnado e proporciónalle unha maior visión do ámbito da aplicación dos seus coñecementos.
Asemade, o grao en Enxeñería Biomédica trátase dunha nova titulación cunha gran proxección (de feito, existe unha gran demanda por parte dos estudantes en toda España) pero da que apenas existen datos de empregabilidade. O plantexamento dos Programas Conxuntos feito pola Escola de Enxeñería Industrial da Universidade de Vigo permite ser prudente neste aspecto e diversificar a oferta de graduados e, en consecuencia, non saturar o futuro mercado con excesivo número de titulados cada ano neste grado (tendo en conta as prazas únicas e as dos programas conxuntos).
Asemade, se temos en conta que unha porcentaxe dos estudantes que empezan a universidade amosan interese por máis dunha titulación, a vía dos programas conxuntos pode axudar a mellorar as opcións no acerto da elección ao estar comprendidas estas entre os programas da dobre titulación e non teñan por que decidir por calquera delas. É dicir, un programa conxunto pode axudar a facer una selección que encaixe mellor con aqueles estudantes que desexan abarcar varias cousas de forma conxunta e deste xeito non teñan por que decantarse por unha delas.