En cumprimento do Real Decreto 822/2021, de 28 de setembro, polo que se establece a organización das ensinanzas universitarias e do procedemento de aseguramento da súa calidade, os títulos serán sometidos a un proceso de seguimento do cumprimento do proxecto contido no plan de estudos verificado polo Consello de Universidades.
Atendendo o cumprimento desta organización das ensinanzas universitarias oficiais e do aseguramento da súa calidade, todas as titulacións da EEI foron sometidas aos correspondentes procesos de acreditación que garanten o correcto desenvolvemento dos estudos e o cumprimento do proxecto formativo para que o alumnado que as curse acade os resultados de aprendizaxe e as competencias recollidas nos plans de estudos. Asemade, todas as titulación están sometidas a un proceso de seguimento e revisión que permitan asegurar o cumprimento destes obxectivos durante todo o seu percorrido e tamén, dentro dunha liña de mellora continua, desenvolver accións na procura de ir mellorando aqueles aspectos nos que se detecte que pode ser necesario algunhas accións específicas para acadar de xeito pleno os resultados desexados.
A Escola de Enxeñería Industrial, tal e como se recolle no seu Plan Estratéxico, considera como fundamental non quedarse soamente nos procesos de acreditación oficiais e dar un paso máis, sometendo as súas titulacións a procesos de acreditación adicionais que reforcen a importancia da calidade das titulacións a través de procesos de acreditación voluntarios de recoñecido prestixio.
Dentro deste plantexamento, a Escola de Enxeñería Industrial marcouse como obxectivo a obtención do selo EUR-ACE en todas as súas titulacións de grao. Actualmente, das sete titulacións de grao impartidas na Escola, seis dispoñen deste selo distintivo, nun proceso que se desenvolveu en dúas fases entre os cursos 2019/20 e 2020/21:
1ª fase (curso 2019/20)
- Enxeñería Electrónica Industrial e Automática
- Enxeñería Mecánica
- Enxeñería en Tecnoloxías Industriais
2ª fase ( curso 2020-2021)
A Escola de Enxeñería Industrial ten unha longa traxectoria e prestixio dentro do ámbito da Enxeñería Industrial e conta, ademais das titulacións de grao, co Mestrado en Enxeñería Industrial. O Mestrado en Enxeñería Industrial é un Mestrado con atribucións profesionais plenas de Enxeñeiro Industrial, regulado pola Orde Ministerial CIN/311/2009 de 9 de febreiro de 2009 e publicado no BOE nº 42 de 18/02/2009
A Escola de Enxeñería Industrial, ao igual que para as titulacións de grao e dentro de seu Plan Estratéxico, marcouse como obxectivo a obtención dun selo de recoñecido prestixio dentro da Enxeñería Industrial como unha maneira de amosar o seu compromiso coa Excelencia neste ámbito. No deseño do seu plan de estudios, na procura de acadar unha mellor preparación do alumnado, foron incluídas as competencias recollidas pola prestixiosa Axencia de Acreditación de Estados Unidos ABET (Accreditation Board for Engineering and Technology). Esta axencia, que acredita programas de enxeñería e ciencia aplicada en todo o mundo, emitiu informe positivo sobre o programa correspondente aos estudos de Mestrado en Enxeñería Industrial da EEI da Universidade de Vigo.
Deste xeito, a EEI convértese nunha das primeiras Escolas de Enxeñería queostentan esta prestixiosa acreditación neste programa.
EEI: “A Excelencia a través da Enxeñería e a Investigación”