A Xunta de Escola é o órgano colexiado de representación e de decisión da EEI e está rexida polo título I do Regulamento de Réxime Interno da EEI.
Composición da Xunta de Escola
A Xunta de Escola está composta polos seguintes membros:
- O director da EEI, que a preside.
- O secretario da EEI que o será da propia Xunta.
- Todo o profesorado da EEI con vinculación permanente á Universidade, que constituirá o 51% da Xunta de Escola.
- Unha representación do persoal docente e investigador sen vinculación permanente á Universidade, que corresponderá ao 9% da Xunta de Escola. En calquera caso, polo menos o 80% corresponderá ao persoal docente e investigador con dedicación a tempo completo.
- Unha representación do alumnado, que constituirá o 30% da Xunta de Escola.
- Unha representación do persoal de administración e servizos que constituirá o 10% da Xunta de Escola.
Os membros electos da Xunta de Escola renovaranse cada dous anos.
Funcións da Xunta de Escola
De acordo co artigo 43 dos Estatutos da Universidade de Vigo, a Xunta de Escola ten as seguintes funcións:
- A elaboración, aprobación e modificación da proposta do seu regulamento de réxime interno.
- A elección e revogación do Director.
- A aprobación da proposta de distribución do orzamento anual da Escola e da súa execución.
- A implantación e seguimento dos plans de estudos.
- Coidado do bo funcionamento de todos os órganos e servizos da Escola.
- A resolución de conflitos que se poidan producir no seo da Escola.
- A promoción e o ordenamento da realización de traballos de fin de grao e traballos de fin de mestrado, e de ensinanzas e actividades complementarias esixidas para obter os títulos.
- A proposición e aplicación das normas de selección de estudantes e a valoración do seu rendemento e aproveitamento.
- A preparación e coordinación, de modo eficaz e adecuado, do horario das distintas materias, cursos monográficos, cursos de especialización, probas parciais e finais, distribución de aulas e servizos e ensinanzas complementarias, así como a habilitación de medidas de control do cumprimento das obrigas docentes.
- A distribución dos espazos que lle sexan asignados.
- Todas aquelas que lle atribúan a lexislación vixente e os Estatutos da Universidade de Vigo e non atribuídas expresamente ó Director.