Programa Erasmus Prácticas

O Programa Erasmus-Internships (Erasmus Prácticas) permite realizar estadías prácticas en empresas e institucións da Unión Europea, incluídas universidades.

Ao abeiro deste programa podes realizar prácticas extracurriculares en empresas no estranxeiro.

Tamén podes facer unha estadía nos laboratorios doutra universidade europea para levar a cabo un traballo práctico que che sirva para o TFG / TFM. Consulta a lista de destinos que se actualizará anualmente.

A duración mínima da mobilidade é de 2 meses pero poden realizarse estadías por períodos superiores. Cada estudante pode participar no programa Erasmus+ (estudos e/ou prácticas) durante un período máximo de 12 meses por ciclo de estudos (entendéndose por ciclo de estudos: grao, mestrado e doutoramento).

Os titulados recentes tamén poden participar neste programa se realizan a solicitude durante o último curso dos seus estudos oficiais na Universidade de Vigo e a súa estadía se leva a cabo no período dun ano dende a obtención do título.

A contía desta bolsa é compatible con calquera outra axuda que a institución de acollida queira aportar.

Se queres validar unhas prácticas extracurriculares realizadas ao abeiro deste programa polas prácticas en empresa curriculares da túa titulación de Grao, consulta o procedemento na Normativa de prácticas en empresa da EEI antes de iniciar a mobilidade.

Convocatoria 2021-2022

  • 1º período de solicitudes: desde o 3/05/2021 ata o 28/05/2021 ás 23:59 hora peninsular española. A estadía, dun mínimo de 2 meses de duración, pode realizarse en calquera momento entre o 01/07/2021 e o 31/08/2021.
  • 2º periodo de presentación de solicitudes: desde o 1/10/2021 ata o 15/11/2021 ás 23:59 hora peninsular española. A estadía, dun mínimo de 2 meses de duración, pode realizarse en calquera momento entre o 15/01/2022 e o 31/08/2022.

Algúns dos requisitos básicos para que os alumnos poidan concorrer son:

  • Estar matriculado na Universidade de Vigo en estudos de Licenciatura, Diplomatura, Enxeñería, Grao ou Mestrado
  • Ter superado polo menos o 50% dos créditos dos que consta a titulación (agás para os mestrados)
  • Contar coa carta de aceptación asinada pola institución de acollida e polo titor na Universidade de Vigo
  • Ter un informe favorable do docente da UVigo que vaia supervisar ao estudante no que se acredite que as prácticas teñen relación cos estudos do solicitante.