Programas Académicos con Percorridos Sucesivos (PARS)

A EEI inclúe os Programas Académicos con Percorridos Sucesivos (PARS) na súa oferta educativa para o curso 2024/25 , que vinculan un título de Grao e un título de Mestrado Universitario orientado á especialización profesional, mantendo a súa diferenciación e independencia estrutural. Non constitúen unha nova titulación, senón un itinerario curricular que permite cursar as dúas titulacións de forma consecutiva para, unha vez finalizados os estudos, obter ambos títulos.

Estes programas están regulados pola Disposición Adicional 9ª  del Real Decreto 822/2021, de 28 de septiembre de 2021, por el que se establece la organización de las enseñanzas universitarias y del procedimiento de aseguramiento de su calidad.

Para acceder a estes programas de grao e mestrado, o estudantado pode elixilos directamente na aplicación de preinscrición universitaria do SUG, ao igual que para o resto das titulacións.

Esta iniciativa beneficia ao alumnado xa que ofrecen a posibilidade de continuar os seus estudos de mestrado sen ter rematado o grao, sempre e cando lle queden por superar un máximo de 30 créditos ECTS (incluíndo o traballo de final de grao -TFG-). No caso do alumnado que non estea inscrito no programa, non pode ter máis de 9 créditos ECTS pendentes (excluído o TFG) para acceder aos mestrados do programa.

A finalidade destes programas é que o estudante reforce a súa formación integral vinculando o título de grao e mestrado orientado á súa especialización profesional.

Aspectos importantes que se deben ter en conta:

  • Coa inscrición nos PARS da EEI non se adquire a obriga de cursar o Mestrado.
  • Poderase abandonar o PARS en calquera momento tanto se se está matriculado no Grao coma no Mestrado.
  • O feito de seleccionar un PARS na preinscrición non é incompatible con facer a preinscrición no grao de maneira independente. Desta maneira, se non se consegue praza no PARS, poderá obterse no grao e posteriormente acceder ao mestrado.

Na seguinte táboa recóllense as titulacións de grao e mestrado que forman parte dos PARS da oferta formativa da EEI.

PROGRAMAS ACADÉMICOS CON PERCORRIDOS SUCESIVOS GRAO MESTRADO UNIVERSITARIO
ENXEÑERÍA INDUSTRIAL

Habilitación profesional coma Enxeñeiro/a Industrial (BOE A-2009-2740).

360 ECTS

GRAO EN ENXEÑERÍA EN TECNOLOXÍAS INDUSTRIAIS

240 ECTS

MESTRADO UNIVERSITARIO EN ENXEÑERÍA INDUSTRIAL

120 ECTS

ENXEÑERÍA BIOMÉDICA

360 ECTS

GRAO EN ENXEÑERÍA BIOMÉDICA

240 ECTS

MESTRADO UNIVERSITARIO EN ENXEÑERÍA BIOMÉDICA

120 ECTS