Descrición do título
A formación tradicional en Enxeñaría Mecánica oriéntase cara á adquisición de pericia na resolución de problemas específicos desta rama e cara á capacitación para adaptarse aos cambios tecnolóxicos cos que deberá enfrontarse durante a súa vida profesional (o cal involucra a capacidade de enfrontarse á resolución de novos problemas). Así, dita formación está fundamentada en coñecementos primordiais de ciencia e enxeñaría como son a Física, as Matemáticas, a Expresión Gráfica, a Estatística e a Química. Adicionalmente, a formación específica en Mecánica, Mecánica de Sólidos, Mecánica de Estruturas, Enxeñaría Térmica e Mecánica de Fluídos senta as bases para materias máis tecnolóxicas. Desta forma pódense incorporar bases multidisciplinares de enxeñaría que permiten unha visión global de todos os aspectos que interveñen nos sectores da súa competencia, o que se logra incluíndo neste grao módulos doutras ramas da enxeñaría.
As materias tecnolóxicas específicas orientan ao alumno de forma que poida intervir nas actividades propias da súa profesión. Estas materias tamén fomentan a relevancia de considerar aspectos de integración de procesos e uso racional da enerxía nas fases de deseño, cálculo, análise, dimensionamento, verificación, utilización e mantemento de máquinas, procesos, vehículos, estruturas, construcións e instalacións. Actualmente, ademais das habilidades experimentais e metrolóxicas, o graduado en Enxeñaría Mecánica debe dominar, de forma transversal, as técnicas de computación que asisten na súa tarefa de diferentes formas e constituíronse en ferramentas imprescindibles. Este grao incorpora técnicas asistidas por computador nas diferentes materias onde se require.
Obxectivos
Intensificación A: Maquinaria
- Adquirir as competencias necesarias para desenvolver a súa profesión no campo do deseño e a fabricación de maquinaria e sistemas mecánicos, incluíndo os materiais empregados na súa fabricación, accionamento e sistemas de enerxía.
-Intensificación B: Construción e instalacións
- Adquirir as competencias necesarias para dirixir o ámbito profesional ao campo da construción, estruturas e instalacións, especializándose no coñecemento das estruturas metálicas e de formigón, cimentacións, topografía, instalacións térmicas, instalacións de fluídos, instalacións eléctricas e tecnoloxías da construción en xeral.
Intensificación C: Deseño e fabricación
- Adquirir competencias específicas no ámbito do deseño e a fabricación industrial, aplicando as técnicas actuais de automatización dos procesos produtivos, técnicas e sistemas de desenvolvemento e comunicación de produtos, materiais, tecnoloxías de fabricación e sistemas CAD-CAM-CAE.
Intensificación D: Transporte
- Especializarse no campo profesional que se configura arredor do sector do transporte en xeral, incluíndo os diferentes medios e vehículos de transporte, desde o automóbil ao ferrocarril, diferentes sistemas de propulsión, materiais empregados e tecnoloxías aplicadas ao campo do transporte.
Intensificación E: Tecnoloxía naval (CUD)
- Obter os perfís escollidos en virtude dos labores máis esixentes que desenvolve un oficial da Armada no seu primeiro emprego. Estes labores son os relacionados principalmente coa función operativa e máis concretamente co emprego operativo dun buque da Armada.
Competencias da titulación
Titulación habilitante para o desempeño da profesión de enxeñeiro técnico.
As competencias que os estudantes deben adquirir, e que son necesarias para outorgar o título, definíronse de acordo co establecido na Orde CIN/351/2009, de 9 de febreiro, pola que se establecen os requisitos para a verificación dos títulos universitarios oficiais que habiliten para o exercicio da profesión de Enxeñeiro Técnico Industrial.
O perfil profesional do enxeñeiro actual é dinámico e terá que desenvolver actividades moi diversas ao longo da súa vida profesional. Por este motivo é conveniente que dispoña dunha boa formación básica e transversal, ademais daquelas outras competencias específicas que confiren ao estudante o perfil da titulación.
Pódense consultar neste apartado: Competencias Grao Enxeñería Mecánica.
Perfil de ingreso recomendado
O perfil de ingreso recomendado no referido a habilidades, capacidades e coñecementos previos será o do alumno que superase o bacharelato na rama tecnolóxica. Máis en concreto, considérase que son desexables as seguintes cualidades dentro do alumnado:
- Coñecementos básicos sobre matemáticas, física, química, expresión gráfica e informática.
- Capacidade plena para a lectura, reflexión e comunicación oral e escrita.
- Coñecementos dunha lingua estranxeira (preferentemente inglés).
- Inquietude, curiosidade e iniciativa propia.
- Capacidade de traballo en grupo.
- Interese pola titulación e pola profesión para a que capacita.
Saídas profesionais
- Deseño, avaliación, control da calidade e dirección de proxectos de construcción, montaxe, mantemento e reparación de estruturas, construcións industriais e instalacións.
- Proxectos de enerxías renovables: solar térmica, biomasa e valorización de residuos, xeotermia…
- Eficiencia enerxética de equipos e instalacións térmicas: cualificación enerxética en edificios, recuperación de calor en procesos industriais.
- Proxectos de deseño e fabricación de pezas, utensilios e máquinas de funcionalidade final ou proceso mecánico (tecnoloxías CAD/CAM/CAE).