Grao en Enxeñería Eléctrica

240 Créditos
4 Cursos
50 Prazas
Presencial
EUR-ACE tec_02 

Descrición do título

O graduado en Enxeñaría Eléctrica ten como destino o traballo na xestión dos sistemas eléctricos de potencia, instalacións e accionamentos eléctricos, e en transporte e distribución da enerxía eléctrica, áreas que necesitan de titulados con formación específica neste sector. Estes titulados deben cubrir tamén os campos emerxentes que cada vez teñen máis incidencia na sociedade actual, como son a tracción eléctrica e as enerxías renovables, particularmente a xeración de enerxía eléctrica en sistemas eólicos e fotovoltaicos, áreas cunha gran e notable expansión no noso país nos últimos anos e cunha progresión futura cada vez maior.

Na actualidade o sector eléctrico demanda unha gran cantidade de titulados, que fai que os alumnos que obteñen a titulación actual atopen traballo no sector eléctrico en menos dun ano desde a súa titulación e que alumnos doutras especialidades acaben traballando tamén no sector eléctrico.

Obxectivos

No contexto tecnolóxico no que se desenvolve a actividade humana é necesario contar, en moitos dos ámbitos produtivos, coa presenza de profesionais cualificados no campo da da Enxeñería Eléctrica. O mundo desenvolvido demanda grandes cantidades de enerxía para atender tanto ás necesidades dos sistemas produtivos, como aqueloutras inherentes ao noso modo de vida. Dita demanda fai necesaria a existencia duns profesionais capaces de atender a xeración, transporte, distribución e utilización da forma de enerxía máis utilizada: a enerxía eléctrica.

O grao en Enxeñería Eléctrica ten como obxectivo formar a aqueles profesionais necesarios para o desenvolvemento e a sustentabilidade da nosa Sociedade. Os estudos proporcionan ao estudante unha especialización técnica no campo da xeración, transporte, distribución e uso da enerxía eléctrica.

No deseño do plan de estudos púxose especial énfase na práctica, cun alto contido de traballo docente en laboratorios e talleres da especialidade. Estas prácticas axudarán ao estudante á adquisición das competencias profesionais e fomentarán que desenvolva habilidades e destrezas moi valoradas no mundo laboral.

Competencias da titulación

Titulación habilitante para o desempeño da profesión de enxeñeiro técnico.

As competencias que os estudantes deben adquirir, e que son necesarias para outorgar o título, definíronse de acordo co establecido na Orde CIN/351/2009, de 9 de febreiro, pola que se establecen os requisitos para a verificación dos títulos universitarios oficiais que habiliten para o exercicio da profesión de Enxeñeiro Técnico Industrial.

O perfil profesional do enxeñeiro actual é dinámico e terá  que desenvolver actividades moi diversas ao longo da súa vida profesional. Por este motivo é conveniente que dispoña dunha boa formación básica e transversal, ademais daquelas outras competencias específicas que confiren ao estudante o perfil da titulación.

Pódense consultar neste apartado: Competencias Grao Enxeñería Eléctrica.

Perfil de ingreso recomendado

Considérase un perfil de ingreso o referido a coñecementos, habilidades e capacidades de partida dun nivel de bacharelato. En concreto, as características persoais (sensibilidades, aptitudes, capacidades específicas…) e académicas daquelas persoas que se consideran máis axeitadas para iniciar os estudos de Grao en Enxeñaría Eléctrica son as seguintes:

  • Coñecementos básicos sobre física, química, matemáticas…
  • Inquietude e curiosidade sobre o mundo da ciencia e a tecnoloxía en todos os seus ámbitos, e en especial no relacionado ao ámbito da titulación.
  • Sensibilidade para recoñecer as limitacións dos demais e facilitar a súa aprendizaxe.
  • Capacidades básicas para a expresión oral e escrita e para a comprensión lectora.
  • Habilidades sociais básicas para o traballo en equipo.
  • Capacidade de abstracción, análise, síntese, razoamento lóxico.
  • Capacidade de percepción e atención.
  • Sentido da organización e o método.
  • Sentido práctico e visión espacial.
  • Etc.
Saídas profesionais
  • Xeración de enerxía eléctrica: eólica, fotovoltaica, gran hidráulica e minihidráulica, centrais térmicas de produción de enerxía eléctrica.
  • Trasporte e distribución de enerxía eléctrica.
  • Comercialización de electricidade.
  • Tración eléctrica (vehículo eléctrico).
  • Proxecto e realización de instalacións eléctricas.
  • Mantemento de instalacións eléctricas.
  • Instalacións eléctricas en buques.
  • Xestión enerxética.
  • Deseño e construción de equipos eléctricos.
  • Fabricación de equipos de iluminación.