Recoñecemento de Créditos
Os alumnos poderán solicitar o recoñecemento de créditos mediante os formularios que están á súa disposición na Área Académica da EEI.
- Informes de recoñecemento de créditos
- Recoñecemento de créditos nas titulacións a extinguir da EEI
- Recoñecemento de créditos entre titulacións de Grao da EEI
- Recoñecemento de créditos nos Cursos Ponte
- Recoñecemento de prácticas extracurriculares
Informe de recoñecemento de créditos
1) Recibida unha solicitude de recoñecemento de créditos por parte dun alumno nun dos Negociados de Alumnos da EEI, a Área Académica da EEI correspondente solicitaralle aos coordinadores das materias da EEI obxecto da solicitude un informe de recoñecemento de créditos. Para iso enviará a seguinte documentación a cada coordinador:
a. Formulario do informe de recoñecemento de acordo co anexo.
b. Programas ou guías docentes aportados polo alumno de aquelas materias superadas polas que solicita o recoñecemento.
2) O coordinador deberá emitir nun prazo de dez días o informe de recoñecemento da materia. O informe deberá ser razoado no caso de que a recomendación de recoñecemento sexa desfavorable e o coordinador deberá anexar unha xustificación detallada dos motivos da recomendación desfavorable.
3) O formulario deberá ser asinado polo coordinador da materia, sen prexuízo de que outros profesores encargados da docencia da materia asinen tamén o informe.
Recoñecemento de créditos nas titulacións a extinguir da EEI
En aplicación da Normativa de transferencia e recoñecemento de créditos no Grao da Universidade de Vigo, para o recoñecemento de materias das titulacións a extinguir da EEI, o centro estableceu unhas táboas de equivalencias entre estas materias e as materias das titulacións de Grao da EEI.
A simulación de recoñecemento mediante estas táboas está accesible na Secretaría Virtual do alumno.
Recoñecemento de Créditos nos Cursos Ponte
Unha vez formalizada a matrícula, poderá ser obxecto de recoñecemento, ata un máximo de 18 ECTS por experiencia profesional e laboral adquirida con carácter previo aos estudos oficiais correspondentes que deberá ser ampla e estar relacionada coas competencias inherentes ao título oficial. Terase en conta a adecuación da actividade laboral e profesional realizada á capacitación profesional do título. Non se considerará experiencia profesional a que non estea relacionada coas competencias inherentes ao título e non sexa debidamente acreditada pola Tesourería Xeral da Seguridade Social. Non se computará por ningún crédito se é inferior a 5 anos.
O recoñecemento destes créditos efectuarase en materias que non se deberán cursar e non incorporará cualificación dos mesmos polo que non computará a efectos de nota media.
O Traballo fin de grao nunca será obxecto de recoñecemento.
As materias que poden ser obxecto de recoñecemento, ata o máximo arriba indicado, varían en función do plan de estudos cursado.
Recoñecemento das Prácticas Extracurriculares
Segundo establece o artigo 8 do Regulamento de Prácticas en Empresa da EEI:
- Soamente poderán solicitar o recoñecemento de prácticas extracurriculares os alumnos que no momento de realizar ditas prácticas estivesen matriculados na titulación de grao para a que se solicita o recoñecemento de créditos.
- O alumno que teña a intención de solicitar o recoñecemento das prácticas extracurriculares cando estas conclúan, deberá poñer en coñecemento do coordinador de prácticas da EEI dita intención, dentro dos tres días hábiles posteriores á asignación das prácticas. No caso de non producirse dita manifestación de intencións, entenderase que o alumno renuncia a solicitar dito recoñecemento.
- Os alumnos que realicen prácticas extracurriculares e desexen o seu recoñecemento pola materia Prácticas en Empresa, deben cumprir os seguintes requisitos:
- Ter aprobados todos os créditos do primeiro e segundo curso e, polo menos, o 50 % dos créditos do terceiro curso da titulación en que estean matriculados o día en que comecen as prácticas extracurriculares.
- Que a asignación da práctica externa extracurricular fose realizada pola FUVI en coordinación coa EEI.
- Que o número de horas das prácticas fose superior a 180 para cubrir o número de créditos ECTS da materia de Prácticas en Empresa.
- Que o Proxecto Docente da práctica extracurricular se corresponda cos obxectivos e competencias da materia Prácticas en Empresa da súa titulación de Grao.
- Que o alumno entregase unha memoria final de prácticas en empresa, cumprindo as especificacións do punto 12 do artigo 7 deste regulamento, e que o alumno tivese mantido un contacto periódico co seu titor, tal como se especifica no punto 11 do mesmo artigo.
- Os alumnos disporán de sete días hábiles dende a data de finalización das prácticas extracurriculares para solicitar, por medio da Secretaría de Alumnos da EEI, o recoñecemento de ditas prácticas á Comisión Permanente da EEI.
- Non será obxecto de recoñecemento pola materia de Prácticas en Empresa a estadía realizada nas instalacións dunha empresa con motivo do desenvolvemento do Traballo de Fin de Grao.