Tras o éxito acadado nas edicións anteriores, este ano voltamos celebrar unha nova edición do MEI Day con algunhas novidades. Terá lugar o xoves 14 de decembro ás 18:00 horas no salón de actos da Escola de Enxeñería Industrial – Sede Campus.
A EEI considera de grande interese manter esta iniciativa e seguir apostando pola importancia de visualizar o papel da Enxeñería Industrial no desenvolvemento da sociedade, e tamén por ser esta un elemento esencial no desenvolvemento e impulso da actividade económica.
Coas xornadas MEI DAY, a idea da Escola é ofrecer cada ano relatorios de interese xeral, independentemente do sector ou tipo de empresa na que cada persoa desenvolva a súa actividade, ofrecendo mostras da importancia desta profesión e das oportunidades que existen a través de persoas vinculadas a esta e cunha importante traxectoria.
Ademais desta faceta, tamén se pretende aproveitar este foro para que poida establecerse un intercambio de experiencias entre todos os asistentes e tamén facerlles chegar a aquelas persoas que están a realizar os estudos, aspectos que puidesen ser de interese para o seu desenvolvemento profesional futuro.
Nesta edición, ademais de poñer en valor o papel da Enxeñería Industrial, tamén queremos resaltar o programa do Mestrado en Enxeñería Industrial da EEI que, de xeito moi brillante, superou o proceso para a renovación do prestixioso selo internacional ABET (Accreditation Board for Engineering and Technology). Este selo pon os estudos do Mestrado en Enxeñería Industrial da EEI ao nivel das principais Escolas de España e supón un recoñecemento á excelencia formativa no ámbito da Enxeñería Industrial.
Nesta edición contaremos coa colaboración do “Ilustre Colegio de Ingenieros Industriales de Galicia” que, con motivo da obtención da renovación do selo ABET no Mestrado en Enxeñería Industrial, outorgará un recoñecemento especial pola consecución deste gran fito.
O programa que se está a preparar para esta nova edición do MEI Day pretende amosar o importante papel dos/das enxeñeiros/as a través da súa experiencia ao longo da súa traxectoria e dos proxectos nos que traballaron e veñen traballando.
Do mesmo xeito que en edicións anteriores, a xornada contará con profesionais/egresados/as que están traballando en proxectos de cambio enmarcados no ámbito industrial.
Non deixes pasar esta oportunidade que contará con profesionais/egresados/as que están ocupando importantes postos e liderando proxectos innovadores en empresas da nosa Comunidade.
Rexístrate xa no seguinte formulario: https://forms.gle/SnbjU16GicoSR7N36
A xornada está aberta a todos os estudantes da EEI, especialmente aos que están a cursar os últimos cursos de grao ou o Mestrado en Enxeñería Industrial. Tamén é una oportunidade para aquelas persoas, Enxeñeiros/as Industriais, egresadas da EEI.
Podes consultar o planning na seguinte ligazón: programa MEI DAY V Edición.
Documentos e enlaces