Contacto
Área académica
Coordinadores
Descrición do título
O Mestrado Universitario en Fabricación Aditiva é un título conxunto presencial desenvolvido polas Universidade da Coruña, como coordinadora, e a Universidade de Vigo. Inclúese na Guía G2030 “Perfís Profesionais de Futuro e Novas Titulacións e Especialidades” formando parte do catálogo de perfís consensuado co tecido socioeconómico do territorio e avaliado por un intenso proceso participativo e de análise benchmark. Esta análise desenvolvida no proxecto G2030 orientouse a identificar as titulacións que permiten cubrir de forma exitosa as competencias clave dos roles do Catálogo de Perfís Profesionais de Futuro non cubertos polo Sistema Universitario Galego (SUG).
O título destaca por unha serie de características que lle outorgan un importante valor diferencial:
- Céntrase non só na fabricación aditiva, senón tamén na enxeñería asociada a este conxunto de tecnoloxías.
- Presenta un enfoque interdisciplinario nos contidos e unha forte orientación práctica.
- Aborda todas as fases do proceso de fabricación aditiva, trata especificamente a combinación da fabricación aditiva con outros métodos de fabricación e coas tecnoloxías máis avanzadas.
- Presenta un enfoque multisectorial de aplicación, e constitúe per se, un elemento clave para avanzar na integración da fabricación aditiva en distintas industrias.
O mestrado ten un alto impacto sobre dous dos catro sectores tractores galegos, o da automoción e o naval, e intégrase na estratexia de diversificación industrial, incorporando actividades de alta tecnoloxía en sectores emerxentes como o aeronáutico, a industria da saúde e novos materiais.
Esta titulación, que se caracteriza por un forte compoñente práctico e de enxeñería, está deseñado para formar aos seus estudantes no ámbito das tecnoloxías de fabricación aditiva e ofrecerlles experiencia práctica no deseño, adaptación e construción de pezas ou produtos que poidan ser usados en sectores de gran importancia no desenvolvemento da nosa comunidade e tamén fóra da mesma.
Obxectivos
Esta titulación dotará aos estudantes dunha formación específica no ámbito da fabricación aditiva coa finalidade de acadar os seguintes obxectivos xerais:
- Comprender os principios básicos da fabricación aditiva (FA) analizando as vantaxes e inconvenientes da mesma.
- Comprender os diferentes tipos de procesos de fabricación aditiva (FA) dispoñibles, así como as súas vantaxes e desvantaxes.
- Comprender os diferentes materiais e as súas propiedades, utilizados para producir compoñentes polo proceso de FA.
- Comprender como poden ocorrer problemas e defectos nos compoñentes producidos polos procesos desenvolvidos na fabricación aditiva (FA), así como as medidas preventivas.
- Comprender as técnicas de acabado utilizadas para as diversas técnicas de FA.
- Familiarizarse co uso de ferramentas de deseño CAD en relación coa fabricación/deseño de produtos.
- Comprender como a posición e a orientación afecta as propiedades da construción.
- Comprender os diferentes tipos de procesos de fabricación aditiva (FA) dispoñibles, así como as súas vantaxes e desvantaxes.
- Coñecer a aplicación das novas tecnoloxías de fabricación orientada á industria intelixente.
- Coñecer os beneficios da fabricación aditiva para deseñar e fabricar novos produtos e prototipos.
Dentro destes obxectivos xerais, considérase moi importante que sexa unha formación que se desenvolva dentro dun contexto no que se debe atender a importancia de adaptarse ás novas situacións laborais, mantendo actualizados os coñecementos científicos, técnicos e tecnolóxicos relativos á súa contorna profesional, xestionando a súa formación e os recursos existentes na aprendizaxe ao longo da vida e utilizando as tecnoloxías da información e a comunicación.
Resultados de aprendizaxe
Os resultados de aprendizaxe que se alcanzarán coa realización deste mestrado, de acordo ao recollido no punto 2 do Anexo II do Real Decreto 822/2021, están estruturados en tres categorías:
- Coñecementos
- Habilidades
- Competencias
Pódense consultar neste apartado: resultados aprendizaxe MFA.
Perfil de acceso
Criterios de acceso
Os requisitos de acceso ao Mestrado Universitario en Fabricación Aditiva son, con carácter xeral, os que se recollen no artigo 18 do RD 822/2021, do 28 de setembro.
O acceso ao título axustarase ás disposicións do Ministerio, da Comunidade Autónoma de Galicia, e ao que se dispoña no desenvolvemento normativo da Universidade de Vigo e a Universidade da Coruña. Ademais, dado que esta titulación ostenta a condición de Mestrado conxunto, con carácter xeral, aplícase o establecido no Convenio de Colaboración Académica entre as dúas universidades para a realización conxunta do título.
Nas páxinas das universidades de Vigo recóllense de forma detallada os aspectos relevantes de admisión e matrícula:
Universidade de Vigo:
- https://www.uvigo.gal/en/study/access/access-masters
- https://www.uvigo.gal/en/study/students-management/registration/masters-registration
Universidade da Coruña:
As persoas que queiran ser admitidas no título deberán estar preferentemente en posesión dun Grao en:
- Graos do ámbito industrial:
- Grao en Enxeñería Mecánica
- Grao en Enxeñería en Electrónica Industrial e Automática
- Grao en Enxeñería en Tecnoloxías Industriais
- Grao en Enxeñería Eléctrica
- Grao en Química Industrial
- Grao en Enxeñería en Organización Industrial
- Grao de Enxeñería en Deseño Industrial e desenvolvemento de produto.
- Graos do ámbito da Enxeñería Biomédica
- Graos do ámbito da Enxeñería de Minas e Enerxía.
O RD 822/2021 do 28 de setembro, polo que se establece a ordenación dos ensinanzas universitarios oficiais, no seu artigo 18 indica que os estudantes poderán ser admitidos a un mestrado conforme aos requisitos específicos e criterios de valoración de méritos que, no seu caso, sexan propios do título de Mestrado Universitario ou establezan as Universidades que o impartan.
Criterios de admisión
A comisión académica do mestrado estudará a adecuación daqueloutras titulacións afíns pertencentes ao ámbito científico-tecnolóxico e que non figuren na listaxe anteriormente indicada.
Ademais de cumprir as condicións mínimas que esixa a normativa vixente, a Comisión Académica do Mestrado estudará cada solicitude podendo rexeitar aquelas solicitudes que, pola titulación de acceso, non estean en condicións de poder aproveitar as ensinanzas do mestrado, é dicir, que a súa titulación non estea dentro do ámbito exposto anteriormente.
A Comisión Académica do Mestrado definirá, cando proceda, os complementos formativos necesarios para cada estudante.
Os criterios de admisión basearanse nos seguintes aspectos:
- Adecuación da titulación de acceso aos contidos do mestrado.
- Expediente académico.
Fíxanse os seguintes criterios de admisión:
- Titulación de acceso (entre 0 e 2 puntos), segundo a idoneidade da titulación de acceso cos obxectivos e contidos do mestrado.
- Expediente académico da titulación de acceso (entre 0 e 1 punto).
A puntuación establecida xera unha ordenación onde cada criterio é preferente de forma xerárquica.
Coa puntuación obtida ordénanse as solicitudes admitíndose alumnos ata cubrir as prazas ofertadas.
As solicitudes con documentación incompleta que non permite a súa avaliación serán rexeitadas.
Perfil de egreso
O profesional ou especialista en fabricación aditiva responde aos desafíos inherentes ao deseño, optimización e construción de prototipos, pezas, compoñentes ou produtos finais utilizando os últimos métodos de fabricación aditiva.
Os profesionais en fabricación aditiva son expertos nos fundamentos, tecnoloxías, materiais e principais ferramentas de software utilizadas neste ámbito, estando capacitados para detectar as necesidades e elaborar proxectos de implantación de fabricación aditiva na súa organización.
Son profesionais capaces de dirixir o ciclo de desenvolvemento dun produto, dende o seu deseño mediante programas gráficos de modelado 3D ata o seu prototipado e manufactura. Neste proceso implementa deseños orientados á impresión 3D (pezas, conxuntos, planos, mallas poligonales…) aplicando cálculo estrutural, e selecciona os materiais (materiais poliméricos, metais, biomateriales…) e as técnicas e tecnoloxías de fabricación aditiva (FDM, SLA, SLS, DMLS, Polyjet/multijet, MIM, bioimpresión etc.)/ etc.) máis adecuadas en cada caso.
Na medida en que a súa principal función é deseñar e desenvolver proxectos de fabricación aditiva, son profesionais que son capaces de valorar os custos económicos e as oportunidades de negocio que esta tecnoloxía ofrece tanto a nivel de I+D+i como de produción, así como reorganizar os procesos internos implicados na súa implementación (deseño, procesos de xestión, fabricación, loxística…), garantindo sempre o cumprimento dos preceptivos criterios de calidade, seguridade e respecto do medio.
Así mesmo, teñen capacidade para avaliar os novos materiais e tecnoloxías que poidan ir xurdindo no seu ámbito de actividade, as novas demandas do mercado e os estándares, certificacións e normativa asociados.
As ocupacións e postos de traballo máis relevantes que ocupan os egresados son os seguintes:
- Experto en sistemas de fabricación aditiva.
- Experto en impresión 3D.
- Experto en deseño de produto para impresión 3D.
- Deseñador 3D por escaneado.
- Experto en prototipado rápido.