AVISO IMPORTANTE INICIO CURSO 2020-2021

Tendo en conta a situación de excepcionalidade na que se está a desenvolver a actividade académica como consecuencia da aplicación dos protocolos do Plan de Prevención e Control Sanitario, así como a evolución da situación sanitaria xeral, queremos informarche que a Comisión Permanente da Escola, na súa sesión do pasado venres 11 de setembro, na procura de acadar as maiores garantías no arranque das clases, aprobou un inicio gradual do curso 2020-2021 para as titulacións de Grao e para o Mestrado en Enxeñería Industrial.

Deste xeito, o arranque das clases levarase a cabo de acordo ao seguinte calendario: 

  • Día 21 de setembro : arranque de todos os grupos do primeiro curso
  • Día 22 de setembro : arranque do 2º curso das titulacións de grao.
  • Día 23 de setembro : arranque do 3º curso das titulacións de grao.
  • Día 24 de setembro : arranque do 4º curso das titulacións de grao e arranque do Mestrado en Enxeñería Industrial (non se aplica ós restantes mestrados ‘profesionalizantes’).
  • Día 25 de setembro : Con motivo da celebración do Acto de Apertura das Universidades Galegas, a Escola permanecerá pechada.

O obxecto deste inicio gradual e progresivo é tentar garantir unha volta á presencialidade que transcorra coa maior normalidade posible e dispor dunha certa marxe para, de ser necesario, levar a cabo aqueles axustes que sexan pertinentes. Coma sempre, queremos amosarche o noso agradecemento polo teu compromiso e colaboración, para ser capaces de afrontar con éxito esta delicada situación na que estamos inmersos e que ninguén se podía imaxinar.

Nesta ligazón podes atopar información de interese para o alumnado da UVigo de cara o bo desenvolvemento do curso:
https://www.uvigo.gal/universidade/comunicacion/novas/informacion-ao-alumnado