O Diario Oficial de Galicia publica, na súa edición do 25 de outubro o anuncio polo que se dá publicidade á apertura das listas de selección de persoal estatutario temporal na categoría de enxeñeiro superior biomédico.
O Servizo Galego de Saúde oferta por primeira vez para incorporar ás institucións sanitarias, dentro da categoría de enxeñeiro superior, a enxeñería biomédica, titulación do ámbito da enxeñaría vinculada dun xeito directo co sector sanitario, titulación que se ten iniciado na Universidade de Vigo, con prácticas realizadas na área sanitaria de Vigo e que neste ano 2022 rematou a primeira promoción. Con esta apertura de listas incorporará a enxeñeiros/as biomédicos/as ás prazas que procedan co fin de desenvolver, aplicar, manter e xestionar tecnoloxías biomédicas no sistema de saúde.
A enxeñaría biomédica é unha ciencia interdisciplinaria baseada na medicina, na bioloxía e na enxeñaría. É fundamental para unha variedade de tecnoloxías sumamente innovadoras e de produtos ou procesos do sector da asistencia sanitaria. A incorporación de persoal da titulación de enxeñaría biomédica conlevará unha utilización mellor dos recursos e procesos
O envellecemento da sociedade, o aumento da gravidade das enfermidades crónicas e o aumento dos custes da asistencia sanitaria estanse a converter en retos mundiais. Dado que a tecnoloxía desempeña un papel clave no sector dos servizos de sanidade e asistencia, as actividades de investigación, innovación e desenvolvemento en enxeñaría biomédica, xunto cos servizos médicos e asistenciais, son desafíos importantes na sociedade actual.
As persoas interesadas poderán formalizar as solicitudes de inscrición nesta primeira xeración de listas, no prazo dos quince días hábiles seguintes á publicación da resolución no Diario Oficial de Galicia, é dicir, entre o 26 de outubro de 2022 e o 16 de novembro de 2022.
A inscrición efectuarase a través do sistema de información Fides/expedient-e.
Para calquera dúbida relacionada con este proceso habilítase o seguinte enderezo de correo electrónico: seleccion.temporal@sergas.es