Día internacional da muller 2024

Con motivo do DÍA INTERNACIONAL DA MULLER 2024 a Universidade de Vigo celebrou un acto este xoves, 7 DE MARZO 2024, no que se fixo un recoñecemento á iniciativa Elas Fan CienTec, iniciativa na que se recoñece o labor da nosa compañeira da EEI, Ana Mejías Sacaluga.

A Comisión de Igualdade da Universidade de Vigo outorgou o XII Premio Uviguala 2024 á iniciativa Elas Fan CienTEc, iniciativa no Campus de Vigo para promover as vocacións científicas nas nenas e adolescentes que nace no ano 2017, impulsada inicialmente por tres PDI da nosa universidade entre as que se atopa a nosa compañeira Ana Mejías Sacaluga.

Esta actividade anual, que se celebra con motivo do Día Internacional da Muller e Nena na Ciencia, acolle a alumnas de diferentes centros da provincia para realizar unha serie de obradoiros que achegan a ciencia, a tecnoloxía e a enxeñaría ás rapazas.

Dende a Escola de Enxeñería Industrial, queremos amosar o noso compromiso de xénero xunto co da nosa institución académica a través do programa ElasFanCienTec.

Este programa é moi importante polo grande impacto entre a mocidade dos institutos e dos centros escolares da nosa provincia. Tamén é un claro exemplo da implicación activa das nosas docentes e investigadoras a prol da igualdade de xénero na UVigo.

Asemade, esta iniciativa fomenta as vocacións científicas e tecnolóxicas nas mozas e nas mulleres e ten “un alto impacto” na comunidade universitaria, nos centros educativos e nos medios de comunicación.

Queremos resaltar que a EEI está a traballar por converter a nosa universidade nun lugar acolledor e seguro, que promove a convivencia e o respecto durante o proceso de aprendizaxe do noso alumnado, co fin de contribuír activamente á construción dunha sociedade máis humana, xusta e igualitaria.