Robot competition

Presentación

A Escola de Enxeñería Industrial da Universidade de Vigo celebra o X Aniversario da súa competición de robots co lanzamento dunha nova edición, a 8ª, e queremos que sexa unha xornada moi especial na que podamos gozar coa presenza de estudantes e profesorado dos centros educativos da nosa comunidade.

Grazas ao entusiasmo de todas as persoas dos centros educativos, que traballaron e involucráronse en espertar nos mozos e mozas o interese pola tecnoloxía e a robótica, o que fixo posible que, o que comezou sendo no ano 2014 unha ‘aventura’, sexa hoxe unha competición de referencia na nosa comunidade.

Ao igual que nas anteriores edicións, os equipos que o desexen poderán contar cun kit mBot 2 subvencionado pola organización do concurso en máis dun 50% do seu valor de mercado, que despois poderán utilizar para levar a cabo outras actividades no Centro.

Preséntase ao alumnado participante como unha competición na que poderán aplicar os coñecementos adquiridos en materias STEAM e amosar as súas habilidades no ámbito da robótica a través de divertidas probas na que terán que superar uns retos, pero, sobre todo, perderlle o medo aos desafíos que a tecnoloxía nos depara e deparará no futuro.

Obxectivo

O obxectivo fundamental deste concurso é achegar a Universidade ao alumnado de Ensino Secundario e Bacharelato (categoría BE ROBOT) e fomentar o interese do alumnado polas disciplinas STEAM, máis especificamente polos estudos en Enxeñería. En particular, coa categoría DEMO ROBOT, preténdese potenciar a autoaprendizaxe no deseño, construción e programación de robots autónomos, á vez que a estimulación, atracción e desenvolvemento do talento ante os novos retos da sociedade no futuro, polo que tamén esperamos esperte a participación de estudantes de formación profesional e universitarios.

Por outra banda, este evento é unha oportunidade para tratar de impulsar o intercambio de experiencias entre estudantes de distintas disciplinas, tanto no ámbito universitario como de ciclos superiores. Tamén contribuír a que os Centros leven a cabo actividades que fomenten estas disciplinas facilitando o acceso a algunha información de libre acceso que pode resultar de interese.

Unha oportunidade para aprender e gozar!

Nesta nova edición introduciranse importantes novidades na inscrición coa intención de facer máis atractivo o concurso e estimular aos equipos participantes para que poñan a proba todo o seu talento e creatividade e amosen as súas habilidades en robótica dun xeito divertido. Tamén haberá premios e sorteos entre os equipos participantes.

Para calquera consulta ou cuestión sobre o concurso, podes poñerte en contacto con nós a través do correo eei.robots@uvigo.es e resolveremos todas as túas dúbidas.

Non o deixes pasar, inscríbete e participa!